Javier Pardeiro, adestrador do Reyco Burela FS: «O meu equipo, outra cousa non terá, pero valente vai ser»
DEPORTES
Tras saír hai 13 anos como campión de liga e copa, asume o reto de rescatar a un cadro «moi novo» que mostra «valentía, descaro e ganas de traballar»
15 ago 2026 . Actualizado a las 05:00 h.«No meu primeiro ano no equipo feminino, todo o mundo daba ao Burela como candidato ao descenso», repasa un Javier Pardeiro Casabella (Burela, 1974) que catro cursos máis tarde se despedía como campión de liga e copa. Consciente das «diferenzas abismais» no seu retorno 13 anos despois ao banco dun equipo recén descendido a Segunda, pon en valor o factor común de contar con mulleres moi novas e con «ganas de traballar» para rescatar o Reyco Burela FS. Tamén con oito tempadas de bagaxe no cadro masculino laranxa, experiencia no Xove FS e nas canteiras desas dúas entidades, tratará de transmitir «valentía», a palabra que máis repite, desde este luns a Sandra, Marina, Macarena, Silvia, Antía Ferro e as recén chegadas Yasmin, Noa, Paula León, Laurinha, Elena Ortega e Patrícia Sousa.
—Que sensacións ten a piques de iniciar a precampaña?
—Sinto ilusión e ganas. Foi difícil configurar o equipo, pero ao final estou moi contento con como fixemos as cousas e teño ganas de comezar.
—O plantel está aberto a novas incorporacións. Cales son as necesidades?
—Non podo poñerme demasiado exquisito en canto a posicións. Cando saímos ao mercado, moitas xogadoras xa estaban comprometidas, pero estou moi contento porque en canto anunciamos que íamos inscribir o equipo e comezamos a traballar, malia as dificultades, foron moitas as que mostraron interese por vir e incluso nos chamaron. Ao final, do que parecía un escenario moi difícil, tivemos un abanico de posibilidades bastante importantes. Co que temos agora, estamos contentos, pero eu creo que si nos falta unha xogadora para que o plantel estea equilibrado. Podendo elixir, viríanos moi ben unha futbolista de perfil máis ofensivo e tamén unha ala zurda. Imos seguir traballando e a ver se somos capaces de atopar esa xogadora que complemente o plantel.
—Cos cambios acometidos no equipo, un único partido de preparación parece algo escaso, non?
—Temos moito traballo, estamos en Segunda División e a xente non está habituada a traballar en dobre sesión. Nós imos aproveitar todo o tempo que poidamos na pretempada para facelas, teremos unha carga de traballo importante porque é un equipo novo, cun adestrador novo, con métodos novos... Todo o tempo é necesario. Temos confirmada a nosa presentación o día 5 no Vista Alegre contra o Muslera e traballamos noutras opcións. A Primeira División empeza antes e xa tiñan pechados partidos, outros equipos de Segunda teñen que xogar a primeira rolda da Copa Galicia, da que nós estamos exentos, e é complexo atopar datas. Aínda así temos abertas dúas ou tres posibilidades máis que intentaremos pechar nestes días.
—Cal será o obxectivo do Burela?
—Eu non me marco obxectivos. É certo que non coñezo ben a categoría, todo o mundo di que o grupo galego é o de máis nivel en Segunda, tamén vexo que hai moitos bloques fortes e xogadoras importantes con experiencia en Primeira. É cedo para dicir cales son os nosos obxectivo, pero o que é seguro é que queremos ser protagonistas e ir a por todas desde o inicio. O meu equipo, outra cousa non terá, pero valente vai ser.
—Hai 13 anos que saíu do Burela feminino como campión de liga e copa. É unha realidade moi distinta á que agora atopa.
—É totalmente diferente, pasaron moitos anos, pero no meu primeiro ano no equipo feminino, todo o mundo daba ao Burela como candidato ao descenso. Comezamos con dúas derrotas, pero a partir de aí tomamos velocidade de cruceiro, na primeira volta xa estabamos practicamente salvados e metémonos na Copa de España —entón xogábana os oito primeiros ao remate da liga de Primeira—. Foi un éxito rotundo e está claro que as diferenzas son abismais, pero tamén hai certas similitudes, como que fixemos un equipo moi novo. Estou moi ilusionado con que xogadoras de apenas 18 anos apostasen por vir aquí para vivir a súa primeira experiencia lonxe da casa cando as chamei. Iso demóstrame que este equipo vai ter valentía, descaro e ganas de traballar.
—Como foi a súa relación co fútbol sala feminino durante todo este tempo?
—O Burela neses anos fixo fichaxes importantísimos, das mellores do mundo, e por suposto que estiven pendente, pero teño que recoñecer que nos últimos tempos me custou estar tan implicado no fútbol sala. No fútbol sala en xeral, non só no feminino. As novas regras e tecnicismos non me chaman demasiado a atención, sobre todo véndoo na televisión. Coa paixón que eu tiña polo fútbol sala, que me tragaba moitísimos partidos, moitos gravados durante a semana, chegou incluso a aburrirme. Creo que este deporte tendeu a non ser tan divertido como era antes, pero o noso primeiro obxectivo pasa porque a xente que veña ao pavillón se vaia contenta co que ve, se divirta. E a partir de aí trataremos de converternos nun equipo potente, fiable e, sobre todo, valente, sen medo de ir ao ataque.
—Que o animou a aceptar este desafío?
—Foi un pouco de súpeto. Tras o descenso e coa incerteza de se o equipo ía saír ou non, chamáronme e ofrecéronme a posibilidade de axudar, e, se ben hai poucos anos non me sentía moi na roda, nin con ganas de asumir unha responsabilidade así, agora coincidiu o momento perfecto. Apeteceume, aceptei sen dubidalo.