Ata onde sabemos, a paz non chegou nin a Palestina nin a Ucraína. En Gaza, Israel non respecta o cesamento do fogo e no leste de Europa, Rusia intensificou os ataques nos territorios que pretende anexionar. Con todo, a Euroliga acaba de decidir que os equipos israelís poden volver a casa e xogar os seus partidos como locais en territorio hebreo e movementos como o Comité Paralímpico Internacional ou federacións como a de yudo levantáronlles o veto a Rusia e Bielorrusia, igual que a de deportes acuáticos (a World Aquatics), o que significa que os seus deportistas xa poden competir en representación do seu país, non como ata o de agora, que eran atletas sen bandeira ou directamente estaban (e están en moitos casos) vetados.
Como país, Israel nunca foi vetado das competicións internacionais, tanto a nivel de selección, como de clubs, algo que si lle pasou no seu día a Rusia, pese ao xenocidio perpetrado en Gaza. A única medida foi impedir xogar os partidos no seu país, tanto en fútbol como en baloncesto, aínda á conta de correr o risco de conflitos de orde pública como chegaron a suceder despois.
No balompé, polo momento, e xa se verá por canto tempo, mantense a decisión de seguir xogando no desterro, pero a Euroliga xa deu un xiro cara a unha normalidade que non existe. O próximo 11 de decembro, o Maccabi xogará na súa cancha de Tel Aviv ante o Asvel Villeurbanne francés e, unha semana despois, o Hapoel medirase cos serbios do Estrella Vermella.
Dun modo paralelo, a Federación Internacional de Yudo xa anunciou que os rusos poderían volver con bandeira e himno ao Grand Slam de Abu Dabi deste ano. Por que motivo? Porque o yudo é o deporte de Putin? Por intereses económicos? Por branquear un conflito? Calquera delas pon en dúbida o efecto aglutinador do deporte.