
Javi Pita, que encaixou un só gol en catro partidos co Ribadeo e retirarase en xaneiro, instrúe a novas promesas na súa academia de Lugo
15 oct 2025 . Actualizado á 20:00 h.É doado deixarse cegar polo brillo do gol, pero nin sequera cando o seu equipo, o Ribadeo FC, vén de gañar 7-0 ao Lourenzá, Javier Pita Calvo (O Vicedo, 1991) arrepíntese da vocación baixo paus que descubriu cando era un rapaz. «Nos dous últimos partidos no Pepe Barrera, o xogo e os resultados reflicten que fomos moi superiores, pero eu sei que a miña labor vai moito máis alá de facer paradas cando chegan á miña portería. Teño que manterme concentrado os 90 minutos, dar instrucións aos meus compañeiros, manterme ben colocado, apoiar no inicio do xogo para comezar a xerar superioridades...», destaca o porteiro menos goleado do grupo lucense de Primeira Futgal sobre algunhas das tarefas que tamén intenta ensinar na súa academia de gardametas en Lugo.
Tras dar o salto desde A Mariña en xuvenís para fichar polo CD Lugo, co que competiu en Segundo B, e defender ao Somozas, Viveiro, Racing Vilalbés, Sarriá, Pol e As Pontes, o pasado curso creou a Escola de Porteiros Javi Pita no mesmo Colexio Diocesano San Lorenzo, na capital provincial, onde é profesor, e agora ofrece unha prórroga á súa traxectoria como futbolista. «Ao rematar a pasada tempada co Ribadeo decidín retirarme, pero Dani Moirón —director deportivo del club ribadense— pediume axudarlles uns meses porque Iñaki estará cunha beca Erasmus en Lisboa durante o primeiro cuadrimestre», explica decidido a dar a súa mellor versión ata xaneiro do 2026.
«Non vou desvincularme do fútbol. Teño a academia e, se xorde a oportunidade, gustaríame traballar cos porteiros dalgún club. Custoume tomar a decisión de deixar de xogar, pero téñoo moi claro, enfócoo como un traballo temporal, co obxectivo de sumar e aportar estes meses. Estou encantado cos meus compañeiros de equipo e o club e quero botar unha man», di Pita, que, tras non xogar nas dúas primeiras xornadas, só recibiu un gol no seguintes catro partidos ás ordes de Diego Bermúdez.
Aos seus 34 anos, o gardameta vicedense descríbese «feliz» co método do adestrador vegadense: «Estamos moi contentos con el. Quere un equipo protagonista, cun modelo de xogo moi claro no que se xeren superioridades desde atrás e creo que os resultados están sendo bos. Perdemos en Chantada e empatamos coa Milagrosa, pero penso que foron partidos nos que merecemos un pouquiño máis e, co traballo das semanas, pouco a pouco nos imos achegando máis ao que o míster nos quere transmitir». Son terceiros, en play off, con 13 puntos en seis encontros.
«Quédame unha praza en cada grupo e quero abrir outro máis»
Tras adestrar ás ordes de Quique Setién e Luis Milla, entre outros, Javi Pita envorca agora os seus valores e coñecementos nos mozos valores que asisten á súa escola de porteiros en Lugo. «O adestrador de porteiros que máis me chegou foi Roberto Valeiro (agora traballa na Cultural Leonesa e coincidiron no Lugo). Eu trato de transmitir os valores do deporte, como responsabilidade, disciplina, respecto e compromiso, e, en canto ao adestramento, traballo a parte física, técnica e de coñecemento. Cando son máis pequenos é importante que adquiran coordinación, salto, velocidade e boa técnica para que despois vaian entendendo o posto como unha figura dentro dun colectivo», conta das sesións de adestramento que prepara cada luns pola tarde no mesmo Colexio Diocesanos San Lorenzo onde é profesor.
Compaxinando o posto de porteiro co de técnico «desde vos 22 anos», traballou con clubs como o Sagrado Corazón, Sarriá, Viveiro, Polvoreira e, incluso, foi coordinador de metodoloxía para porteiros no Lugo. Actualmente, os seus dous grupos están case cheos e abrirá un máis. «Divido aos rapaces por idades e niveis en grupos de seis como máximo. Actualmente quédame unha praza en cada un e quero abrir un máis de cadetes e xuvenís. Son todos rapaces. O ano pasado tiña unha rapaza, oxalá se animase algunha máis», explica sen descartar expandir o seu proxecto nin realizar algún campus na Mariña e agradecido aos seus colaboradores «Kidacu; Óscar, de 11temasport de Lugo; e ou porteiro do Coruxo Alberto Domínguez, de Azero».