Alberto López, adestrador do Viveiro CF: «As fichaxes aínda non van chegar»

Iván Díaz Rolle
IVÁN ROLLE VIVEIRO / LA VOZ

DEPORTES

XAIME RAMALLAL

Aplaude o xogo do seu equipo en Cambados tras caer ao descenso, pero lamenta «a falta de gol» e as dificultades para completar o persoal

13 oct 2025 . Actualizado á 20:10 h.

A derrota por 2-0 ante o Xuventude de Cambados relegou ao Viveiro aos postos de descenso na Terceira Federación, tras sumar só cinco puntos nas seis primeiras xornadas. Alberto López López (Lugo, 1972) considera anecdótica a situación e aplaude o traballo dos seus homes, que xeraron «moitísimas oportunidades» en Burgáns, mentres se arma de paciencia para atopar as pezas que aínda lle faltan a un persoal, ademais, minguada polas lesións.

—Preocúpanlle os resultados?

—Preocuparíame se non xerásemos oportunidades, pero tivemos moitísimas, varias para empurrar, aos paus... Fixemos 45 minutos espectaculares, os mellores da tempada. O equipo compite moi ben, pero penalízao a falta de gol e iso é o que marca os resultados. Contra o Noia tamén tivemos dúas oportunidades clarísimas para marcar pronto e acabamos perdendo 0-1 por un penalti illado. Os pequenos detalles e a eficacia están a facer que os resultados non caian do noso lado, pero a actitude é moi boa.

—En Burgáns o Viveiro tamén perdeu a solidez defensiva que viña mostrando.

—O que máis me preocupa é iso, que entramos moi mal ao partido. Planificaramos todo moi ben, viaxamos con tempo, puxemos todos os medios, traballaramos que Noel era o xogador que nos podía facer dano entre liñas, non podía sorprendernos, e o gol chegou así antes do minuto de xogo. Algo así non pode volver pasar.

—Está a penalizalos a falta de efectivos?

—Moito. Somos 14 xogadores, Arturo agora é o único dianteiro, só temos dous mediocentros, o noso único lateral esquerdo é Esquerdeiro, un xogador destro... Isto é Terceira e a situación limítanos moito física e tácticamente, réstanos competitividade nos adestramentos e nos partidos. Temos futbolistas de bo nivel, pero fáltanos competencia e iso lógrase cun persoal máis amplo. Todo está moi igualado, somos antepenúltimos e estamos a só tres puntos do noveno, pero necesitamos máis xogadores para competir cada semana.

—Ve próxima a chegada dalgunha fichaxe?

—As fichaxes aínda non van chegar esta semana. Pode haber negociacións que se aceleren, pero agora mesmo non temos nada moi avanzado. Non queremos fichar por fichar, buscamos xogadores que eleven o nivel, e é complicado porque as nosas ofertas económicas son baixas. Estamos a rastrexar entre os futbolistas que non están a ter oportunidades e poden estar descontentos en Segunda Federación, que entendemos que é difícil porque non temos moito diñeiro, e Terceira. Esta tempada perdemos a oito xogadores; dous dianteiros que sumaron 24 goles; Lucas Fanego e Lombao que son dúas balas nas bandas; ou dous mediocentros espectaculares como Sylla e Calvete. Atopar xente dese nivel é moi complicado.

—E os lesionados como avanzan?

—O domingo volvemos contar con Germán (Parede) nos últimos minutos e tivemos a mala pata de que lle deron unha patada no xemelgo e na caída rompeu fibras. Estará fose outro mes e medio. A Tonini van facerlle a resonancia este mércores; Yanike empezará a adestrar con persoais pola súa ciática, pero vai ter un proceso de adaptación; e Carlos tamén está a ultimar a súa recuperación. Non é inminente a volta de ningún deles.