
O ucraíno Maksym Bilyi lidera a rolda ciclista
12 sep 2025 . Actualizado á 19:14 h.«É a terceira etapa e a xente xa empeza a ter fatiga. Creo que esta etapa non vai definir o gañador, pero si quen non gaña a Volta», avisou na presentación da rolda ciclista o viveirense e exciclista do Xacobeo Galicia Alejandro Paleo. A XXIII Volta a Galicia acada este sábado na Mariña a súa etapa raíña e a penúltima xornada de competición cun percorrido que partirá ás 12.30 horas desde a Praza do Concello en San Cosme de Barreiros, o mesmo lugar onde se prevé que o pelotón cruce a meta nunca antes das 15.51.
Os 167 deportistas en liza enfrontaranse a 147 quilómetros polo municipio barreirense e os de Ribadeo, A Pontenova, Riotorto e Trabada. Deberán ascender 2.500 metros positivos cun porto de terceira categoría (Marco de Álvare) e os tres únicos de segundo en toda a carreira (Augaxosa, Fórnea e Monte Comado).
Tras a contrarreloxo celebrada en Ribadumia e a primeira etapa en liña en Caldas de Rei, onde o italiano Leonardo Volpato (Campá Imballaggi) conseguiu a vitoria, o ucraíno Maksym Bilyi (Cortizo) é o novo líder da carreira. Tras o paso pola Mariña, a Volta Ciclista a Galicia rematará mañá cunha etapa de 130 quilómetros con inicio e final en Ferrol.