Atendido no centro de saúde ribadense un atleta asturiano que sufriu un desmaio tras rematar o medio maratón Ribadeo-As Catedrais
DEPORTES

Máis de mil persoas participaron na carreira mariñá nun día solleiro e caloroso
13 sep 2025 . Actualizado á 21:44 h.Un corredor asturiano que sufriu mareos e incluso chegou a perder o coñecemento tras completar o medio maratón Ribadeo-As Catedrais foi atendido pola Cruz Vermella. Tras porlle osíxeno no centro de saúde de Ribadeo marchouse ao seu domicilio en perfectas condicións, segundo confirmaron fontes do Concello, que organizou o evento.
Con máis de mil participantes, o XI Medio Maratón desenvolveuse con normalidade e bo ambiente nunha xornada asollada e calorosa. Á marxe do home atendido tras desvanecerse, só houbo que lamentar pequenas lesións como tiróns e escordaduras entre os participantes.