Lara Díaz, ao socorro dun novo Burela FS

DEPORTES

Sabela Blanco Rodríguez

«Sen un só día de descanso» durante un verán como auxiliar nas praias e preparando o seu salto a Primeira, simboliza o orgullo local e obreiro dun cadro mariñán que hoxe arrinca a Primeira Iberdrola ante o poderoso Melilla

06 sep 2025 . Actualizado á 05:00 h.

Un novo Burela FS, con menos caché, pero con tanto ou máis traballo e fame que nos seus mellores momentos, desprégase ante o poderoso Melilla Ciudad do Deporte Torreblanca no inicio da Primeira Iberdrola (Vista Alegre, 18.30 horas. RFEF TV). Lonxe de pretensións pasadas, as mesmas que mantén o seu rival norafricano, o cadro de Belén Feal tratará de ensinar un orgullo e carácter obreiro que levou á elite tras un longo camiño a moitas dos seus compoñentes.

É o caso de Lara Díaz García (Vilaronte, 1999), que chega ao debut sen un só día libre desde o pasado 1 de xullo, ao compaxinar a pretemporada coas súas tarefas como auxiliar de socorrismo nas praias focenses: «Foi un verán moi apoteósico, sen un só día libre. Os que tiven, adestramos mañá e tarde. Por sorte xa acabamos o servizo o 14 de setembro, eu o xoves pola viaxe a Alcorcón, e o coordinador foi moi comprensivo para que puidese axustar os horarios. Só me perdín o partido do outro día en As Pontes». 

No seu segundo verán desempeñando unha función similar á dos socorristas «aínda que non temos por que meternos no mar», recoñece «certo agobio»: «É un traballo que me encanta, non deixas de estar na praia, pero ao final acuso non ter un só día de relax para estar coa familia».

O play off de ascenso que disputou co Valdetires impediulle incorporarse ao comezo do servizo, o 15 de xuño, e agora, avalada por 60 goles nos dous últimos cursos en Segundo coas ferrolás, chega a Primeira disposta a saír ao rescate do Burela. «Xa tiven outras oportunidades, pero non quería estar en Primeira e ser a 13 ou 14 da rotación, non sentirme importante. Quen me coñece sabe o que me coido, o profesional que son, que teño desde hai tempo un nutricionista, un preparador físico... Para xogar nesta categoría creo que hai que estar moi preparada física e mentalmente e penso que neste proxecto de oportunidades e tan preto da casa é o meu momento», reflexiona na súa volta a ex do Santiago de Foz e o Friol, no fútbol campo, e o Ribadeo, Castro e Rodiles.

«Foi un pau moi grande non lograr o ascenso co Valdetires, por iso cando me chamou o Burela me fixo unha ilusión tremenda. Tiña que ser agora ou nunca, estou moi orgullosa de pertencer a un dos mellores clubs do mundo, aínda que sexa empezando o proxecto case desde cero», reflexiona Lara sobre unha escuadra que só retivo á porteira Ana Eliza e cun predominante acento mariñán e moita mocidade.

O seu primeiro partido, fronte ao Melilla, reforzado polas exburelistas Irene Samper e Emilly, é un reto xigante, pero a á-pivote de Vilaronte afirma que sairán a por todas: «É un partido que impón. O Melilla ten moi boas xogadoras, vai aspirar ao máximo, pero xogamos cinco contra cinco e ver o volcada que está a afección con nós tranquilízanos para afrontalo ao máximo, dános un plus de motivación e confianza. Ilusióname xogar contra as mellores e, como se soe dicir, torres máis altas caeron».