Rengel e Welli causan baixa definitiva nun Viveiro que recibe este mércores ao Atlético Coruña Montañeros
DEPORTES

Os celestes buscarán o seu primeiro triunfo da pretemporada ante un rival co que se verán as caras este curso en Terceira División
19 ago 2025 . Actualizado á 21:07 h.O Viveiro disputa na tarde deste mércores o seu cuarto amigable de preparación. Os celestes reciben a un Atlético Coruña Montañeros (Estadio Kiko Rey de Cantarrana, 19.30 horas) que regresa a Terceira División, polo que se verán as caras tamén no campionato ligueiro. Os coruñeses, co cervense e exceleste Pablo Fernández como coordinador xeneral do club, cargo que deixou precisamente este verán, escalaron desde Segundo Autonómica ata lograr o regreso a Terceira División o pasado mes de abril logo de dominar con autoridade o grupo Norte de Preferente Autonómica.
Pola súa banda, o cadro que prepara Alberto López buscará o seu primeiro triunfo da pretemporada despois de encaixar dúas derrotas na casa por 0-1 ante Pol e Lugo B e igualar na visita á SD Burela (1-1).
Tras a chegada do técnico lucense, o cadro de persoal viveirense segue axustándose ao seu estilo de xogo, polo que outros dous futbolistas causaron baixa definitiva nos últimos días por decisión técnica. Trátase do dianteiro valisoletano Julio Rengel, que chegara procedente do Tamaraceite canario e o lateral esquerdo brasileiro Welli, incorporado desde o Zamora B. Únense ás baixas de Xoel Rodríguez, que abandonou a disciplina celeste por motivos laborais, Jorge Insua e Lautaro Garelli.