Álvaro Morata despídese do Galatasaray cun duro comunicado: «Non mantiveron a palabra dada e non me quedou outra que renunciar a parte do meu salario»
DEPORTES

O dianteiro español acusa o club turco de incumprir as súas condicións contractuais: «Na vida e no traballo, hai principios que nunca deberían romperse, como o respecto cara aos dereitos de cada persoa»
12 ago 2025 . Actualizado á 15:23 h.Álvaro Morata puxo fin aos seus seis meses defendendo a camiseta do Galatasaray para pór rumbo de volta a Italia, onde militará no Como 1907 de Cesc Fábregas. Pero antes de nada, o dianteiro español decidiu axustar contas co club turco, explicando publicamente as razóns da súa saída.
Nun comunicado publicado na súa conta de Instagram, Morata carga con dureza contra o club, ao que acusa sen andrómenas de incumprir o seu contrato. «Houbo momentos nos que non se mantiveron nin a palabra dada nin o respecto polos valores fundamentais», explica o español. «Ata os últimos días, non se fixo honra aos compromisos adquiridos, ata o punto de que non me quedou outra que renunciar a parte do meu salario e a outros dereitos contractuais que xa gañara a través do meu traballo», expresa, matizando ademais que «a cifra publicada» do seu contrato «non é correcta».
A crítica ao club ao que dixo adeus en agosto deste ano acusa a falta de profesionalidade do equipo turco, que choca cos valores que o internacional español defende como deportista. «Para min, na vida e no traballo, hai principios que nunca deberían romperse, como o respecto cara aos dereitos de cada persoa», indica, «non recoñecer ou compensar o que se gañou é, para min, inaceptable e contrario aos valores de xustiza e profesionalismo nos que creo».
Morata decidiu expresar publicamente a súa insatisfacción para que non haxa malentendidos, rumores ou falsas interpretacións sobre o sucedido, especialmente como unha mostra de consideración cara aos fans turcos. «Sei que non se adoita falar abertamente destes asuntos, pero creo firmemente no dereito de dar aos seguidores a explicación real do que pasou», defendeu.
Aínda que a súa relación cos xestores do club foi tensa, Morata só ten boas palabras tanto cara á afección turca como cara aos seus compañeiros de equipo. «Fixéstesme sentir benvido desde o primeirísimo día, e regalástesme un dos apoios máis extraordinarios que experimentase en toda a miña carreira deportiva», agradeceu aos fans, «vós e a cidade de Istambul estaredes sempre no meu corazón».
Tamén dedicou unhas palabras ao adestrador e os seus compañeiros, tanto no campo como no equipo técnico. «Os meus agradecementos máis sinceros cara aos meus colegas polos momentos que compartimos, e para toda esa xente que traballa nos lugares de adestramento».