Os partidos de Primeira RFEF poderanse seguir a través de Movistar Plus+

LA VOZ

DEPORTES

JOSE PARDO

A Real Federación Española de Fútbol acadou un acordo coa plataforma, que retransmitirá dez encontros de cada xornada da categoría na que militan o Racing de Ferrol, o Lugo, o Pontevedra, o Ourense CF, o Arenteiro e a Celta Fortuna

07 ago 2025 . Actualizado á 13:57 h.

Os partidos dos seis equipos galegos de Primeira RFEF poderanse ver por televisión a través de Movistar Plus+ na próxima tempada 2025-26. A Real Federación Española de Fútbol anunciou o acordo ao que chegou coa plataforma para emitir en directo dez encontros de cada xornada, que se incluirán no seu paquete básico e ofreceranse a través dunha nova canle destinada á categoría de bronce de xeito específico. 

Serán retransmitidos cinco enfrontamentos o sábado e outros cinco o domingo, todos eles a elección da RFEF, entre os que se exclúen os compromisos do play off de ascenso. A estes encontros, calquera persoa que non sexa abonada da plataforma, poderá acceder a través da opción OTT, que estará dispoñible por 9,99€ ao mes. Quen dispoña do paquete básico de Movistar Plus+ xa terán incluídos eses partidos no seu servizo sen incorporar ningún paquete nin pago engadido.

Coa adquisición dos dereitos de Primeira Federación, esta oferta únese á grella deportiva de Movistar Plus+, que conta coa Segunda División ao completo, case toda a xornada de Primeira División e as diferentes competicións da UEFA (a Champions League, a Supercopa de Europa, a Europa League e a Conference League).

Por outra banda, será a plataforma de LaLiga+ a encargada de xestionar a comercialización dos dereitos da Primeira Federación, ofertando ao completo todos os partidos da categoría. Os afeccionados do Arenteiro, da Celta Fortuna, do Pontevedra, do Racing de Ferrol, do Ourense C.F. e do Lugo terán tamén a opción de ver unicamente os encontros do seu equipo, pagando unha tarifa reducida respecto á que incluirá toda a xornada. Os prezos das  diferentes modalidades aínda non se anunciaron. 

Partidos en aberto de Segunda División

Hai uns días, o anuncio da liga de que se emitirán partidos de Segundo en aberto a través de TenTv posibilitou que diferentes cadeas autonómicas adquirisen os dereitos para ofrecer varios encontros. O pasado luns, a Televisión de Galicia fixo oficial que retransmitirá 15 dos 42 partidos que disputará o Deportivo na fase regular da tempada 2025-2026, así como cinco do Dépor Abanca na liga F. 

Do mesmo xeito que a TVG, a Corporación Aragonesa de Radio e Televisión tamén chegou a un acordo con Mediapro para emitir en aberto encontros do Zaragoza e do Huesca.