«Está ben poñer en valor o de aquí, temos unha Liga Galega de Traiñeiras Feminina de calidade»

Pablo Penedo Vázquez
Pablo Penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

DEPORTES

Leticia Castro

Ángela Fernández, patroa das embarcacións masculina e feminina do C.R. Mecos, salienta o bo estado da competición autonómica de mulleres na antesala da Bandeira Virxe do Carme, na que o seu club exercerá este sábado de anfitrión das LGT A e LGT F

11 jul 2025 . Actualizado a las 10:30 h.

A Liga Galega de Traiñeiras A e a Feminina desembarcarán mañá sábado no porto de Pedras Negras, O Grove, para a disputa da cuarta regata puntuable de cadanseu calendarios: a Bandeira Virxe do Carme. As dez embarcacións de mulleres competirán a partir das 15.30 horas, coas tripulacións de Chapela-Wofco e de Tirán Pereira empatadas no alto da clasificación a 28 puntos. Unha hora máis tarde, será a quenda das once traiñeiras masculinas, cos remeiros de Chapela-Wofco pelexando por ampliar o seu ata o momento pleno de vitorias e Samertolameu-Oversea postulándose nas dúas últimas regatas coma principal alternativa. O Club de Remo Mecos exerce de anfitrión, sen descartar facelo tamén de protagonista na regata feminina. Ángela Fernández compaxina o labor de patroa das traiñeiras de homes e de mulleres de Mecos.

—Había seis anos que Mecos non saía cunha traiñeira feminina. A última vez gañou a Liga. Poden ir por aí os tiros desta volta, vendo que avanzan terceiras?

—Eu estaba naquela traiñeira no 2019. Non, a aspiración este ano desde logo non é gañar a Liga. Somos unha traiñeira moi noviña, se lle botas unha ollada ao barco, a práctica totalidade son xuvenís e sub-23, quitando un par de veteranas coma min. A maioría están facendo as súas primeiras regatas nunha traiñeira. Para ser unha traiñeira tan nova e despois de tantos anos sen ter unha traiñeira no mar, estamos moi contentas co rendemento que está dando o equipo. Hai nivel na Liga, hai nivel.

—En que punto de acoplamento se atopa a súa tripulación?

—Nós temos dúas rapazas da Puebla e catro da Guarda. Inda que traballamos no inverno coa traiñeira, os reforzos que veñen de fóra inda os estamo acoplando agora. Inda que a base a temos do inverno, agora tes que acoplar distintas remadas, e iso leva o seu tempo. O barco inda non está no seu máximo rendemento por iso.

—Chapela e Tirán están resultando intratables neste primeiro terzo de calendario...

—Chapela é o actual campión de Liga. Ten xente con moita experiencia e case a totalidade do equipo é de Chapela; en canto acoplamento está un paso por diante. E Tirán acaba de descender da Liga Euskotren, cunha tripulación que leva varios anos xunta.

—Esta fin de semana tócalles xogar na casa. É unha oportunidade que Mecos non debe desaproveitar?

—A ver... Remar na casa, para todo o mundo sempre supón un plus de enerxía e de ganas. Obviamente, as ganas non nos faltan nunca; acabamos de empezar a Liga e todo é ilusión. Remar na casa como que che dá un puntiño máis aínda. Temos que enfocar ese puntiño e que a ansiedade e os nervios non impidan que saian as cousas. Pero sí que imos con moitas ganas todas.

—A LGT Feminina reúne esta tempada dez embarcacións. En que momento ve o remo feminino en Galicia?

—É dos anos en que máis nivel hai. Aparte de ter un bo número de tripulacións, somos dez, por riba este ano dáse a casualidade de que dúas das traiñeiras veñen de descender da Liga Euskotren. Está ben que lle deamos nivel a esta liga galega, e poñer en valor o de aquí, que temos unha liga de nivel e de calidade.

—A traiñeira masculina de Mecos, pola contra, leva moitos anos ocupando un papel discreto...

—Á masculina pásalle como a feminina, conta con xente moi nova, practicamente todos da casa, e contados veteranos. Hai cousas que levan o seu tempo. Manter a traiñeira masculina no mar un ano máis é algo que non dan feito todos os clubs. Con traballo, mantendo a base, será de aí para arriba, incrementando o nivel.