
A focense Lara Díaz, do Valdetires, e Sofía Valero, da Almagro, ultiman a súa chegada a un cadro mariñán onde continuará a porteira Ana Eliza
09 jul 2025 . Actualizado á 05:00 h.O intenso traballo de scouting que realiza o CD Burela FS para rearmar o seu persoal comeza a dar froitos. Ademais das cinco canteirás que promocionan ao primeiro equipo —Lola Muñoz, Irene Suárez, Cris Blanco, Sandra Pumares e Silvia Rubal—, a gardameta brasileira Ana Eliza confirmou que continuará no Vista Alegre e outras dúas futbolistas que o pasado curso sumaron 77 goles en Segunda División aceptaron xa formar parte do proxecto que liderará Belén Feal desde o banco.
Son Lara Díaz García (Vilaronte, Foz, 1999) e Sofía Valero Herrero (Madrid, 1997), que rivalizaron entre as máxima goleadoras da categoría e tamén nas semifinais do play off, onde o Almagro da madrileña apeou ao Valdetires. Con todo, as 41 dianas en 34 encontros de Valero foron insuficientes para festexar un ascenso do que o Ceuta apartou ás manchegas.

Salvo un inesperado envorco nas negociacións, a á zurda asinará polo Burela cando regrese dunha breve experiencia na Arxentina para achegar a calidade e experiencia que paseou polo Gran Canaria Teldeportivo, co que ascendeu no 2024 a unha Primeira División onde xa defendeu ao Raio Majadahonda e o San Fernando. Tamén pasou polo Rivas.
Mentres, a focense Lara Díaz por fin terá a oportunidade de debutar na máxima categoría, á que xa ascendera co Castro no 2023. 60 goles en dúas campañas co Valdetires Ferrol, tras unha breve estancia no Rodiles asturiano, catapultan a desafíos maiores a unha xogadora que destaca pola súa potencia e calidade técnica.
Ás ordes de Belén Feal coincidirán con Ana Eliza Ribeiro de Oliveira (Passa Quatro, Brasil, 2000), a única entre as campioas da últimas Copa da Raíña e Copa Galicia que decidiu prolongar a súa relación co Burela. Tras tempada e media á sombra de Caridad, está chamada a coller galóns na portería laranxa.
Claudia Rodríguez, ao Meigas
Por motivos académicos, non poderá gozar dunha nova era no Vista Alegre cun teórico maior protagonismo para a canteira e os mozos a pivote xuvenil Claudia Rodríguez Rivas (Foz, 2007). Habitual nas seleccións galegas de base, xa gozou dalgunhas convocatorias co primeiro equipo laranxa e continuará a súa carreira deportiva no Meigas, que rematou a última tempada na novena posición do grupo 1 da Segunda División de fútbol sala feminino. A súa incorporación se oficializó este martes.
Igual que Lola, Sandra, Irene, Cris e Silvia, Claudia tivera un rol capital no filial do Burela en Preferente.