Adán Fra, campión galego máster de ciclismo: «Soñaba cun título así desde cadetes, pero resistíaseme»

DEPORTES

<span lang= gl >Adán Fra, do Club Ciclista Viveiro, no máis alto do podio en Ordes.</span>
Adán Fra, do Club Ciclista Viveiro, no máis alto do podio en Ordes.

O viveirense, de 33 anos, venceu ao esprint no autonómico máster de ciclismo de fondo en estrada celebrado en Ordes

03 jul 2025 . Actualizado a las 22:03 h.

Desde que comezou a destacar, cando só era un rapaz, Adán Fra Alonso (Viveiro, 1992) soñaba poñerse un maillot de campión galego. Case dúas décadas despois, o seu esforzo e destreza enriba dunha bicicleta por fin obtiveron esa recompensa. «Soñaba ser campión galego desde cadetes, pero sempre se me resistira por unhas cousas ou outras», conta un home que se apartou da competición durante anos, pero nunca deixou de cultivar a súa paixón por un deporte que lle regalou a súa mellor vitoria no campionato autonómico de ciclismo de fondo en estrada celebrado a finais do mes de xuño en Ordes. «Tras xuvenís atendes a outras cousas, ao traballo e demais. Parei e agora de vello, como máster, deume por volver a competir», explica.

«Foi unha carreira moi rápida, na que rodamos a unha media de 40,5 quilómetros por hora, sen subidas moi longas e con varios intentos de escapada que non prosperaron. Eu tamén o intentei e pensei que me marchaba, pero cazáronme axiña», relata sobre unha competición de 74,6 quilómetros cuns 70 aspirantes e só resolta nun multitudinario esprint.

«Non creo que ese finais sexan os que mellor me veñen. Son moi lixeiro, pequeno, non teño un físico de esprinter, pero tampouco me considero lento e deixeime todo o que tiña», conta Adán tras a que considera a súa «mellor vitoria». «Tiña claro que ía dálo todo, como se rebentaba. O ano pasado quedei ás portas e, aínda que non era un dos favoritos, quería dar o máximo para conseguir o título galego», valora.

O deportista do Club Ciclista Viveiro completou o recorrido en 1.45.41 e estivo acompañado no podio absoluto polo vixente campión da Copa Galicia, Pablo Fernández, do Cidade de Santiago, e o vasco Mikel Núñez (Lasal Cocinas-Craega).

O seu seguinte obxectivo estará no Campionato de España máster previsto para o 21 de setembro en Soria. «Xa fun o ano pasado e rematei noveno da categoría máster 30 A. Foi unha experiencia espectacular, que gocei moito e agora quero volver dar guerra, a ver se podo mellorar a miña posición e, incluso, loitar polo podio», destaca Fra Alonso. 

<span lang= gl >Fra, á esquerda, roe a súa medalla co seu compañeiro viveirense Antonio Pereiras.</span>
Fra, á esquerda, roe a súa medalla co seu compañeiro viveirense Antonio Pereiras.

Unha paixón

«Andar en bici encántame. É unha maneira de desconectar do día a día, reláxame», confesa Adán Fra, sen dificultades para manter a esixencia dos adestramentos por unha paixón que xa transmite aos seus fillos: «A nena, de catro anos e medio, xa vai montando algo, gústalle. Pero máis ao neno, con só dous, férvelle o sangue cada vez que ve unha bici ou unha moto, réinalle».