Asier Burundarena: «Non contaba ser presidente do CD Foz con 26 anos, pero estou ilusionado»

Iván Díaz Rolle
IVÁN ROLLE FOZ / LA VOZ

DEPORTES

xaime ramallal

Tras xogar na canteira do CD Lugo e en Terceira RFEF, tratará de facer medrar o club roxibranco desde os despachos e o campo

01 jun 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Tras mostrar a súa capacidade para driblar defensores, o seu golpeo coa zurda e olfacto goleador na canteira do CD Lugo e en conxuntos como o Viveiro, o Ribadeo e o Racing Vilalbés, seguro que sobraban clubs de prestixio en Galicia dispostos a regar o oído de Asier Burundarena Otero (Foz, 1998) para facerse cos seus servizos. Pero a súa nova prioridade deportiva está nos despachos e pasa por comandar o crecemento do equipo da súa vila desde a presidencia.

«Loxicamente, a miña prioridade está no traballo, pero a segunda será poñer este club ao nivel mínimo no que creo que debe estar. E se ademais podo axudar no campo, moito mellor. En principio, conto con xogar, pero haberá que ir vendo», confesa un home que por motivos laborais deixou mediado o último curso o Vilalbés, en Terceira RFEF, e sufriu unha lesión que apenas lle permitiu contribuír na loita pola permanencia en Preferente do Ribadeo. 

Por amor ás cores

Figura e goleador dun Foz que entre o 2015 e o 2018 emerxeu desde Segunda Autonómica a Preferente, Asier aceptou coller o relevo de José María García Rivera na presidencia movido polo seu amor ás cores. «Veume totalmente de rebote, non é algo no que pensase. A anterior directiva levaba xa moito tempo, estaba cansa e ía parar, pero toda a xente á que lle ofreceron facerse cargo do club declinouno. A situación chegou aos meus oídos e, como son unha persoa que mira bastante polo Foz e me daría moita pena que se desfixera, comecei a falar con xente que considero traballadora e seria. Sentinme secundado por eles e animeime a presentarme», narra o líder da única candidatura presentada na asemblea de socias e socios do pasado sábado 24.

«Non contaba ser presidente do CD Foz con 26 anos —cumprirá 27 o vindeiro mes de xullo—, é algo no que nin sequera pensara nunca, pero estou ilusionado e motivado. Sei que estou rodeado da xente adecuada na directiva e traballo non vai faltar», promete o fillo do tamén recoñecido exfutbolista Miguel Burunda, que recoñece «moitas cousas que facer» na entidade do Martínez Otero. «O básico, eu creo, será sacar as tres categorías de base —xuvenís, cadetes e infantís— con xente cualificada e comprometida á fronte e, polo de pronto, que o equipo de Primeira Rexional non pase apuros. Ademais, creo que hai moita marxe de crecemento en número de socios, que só hai uns 140 ou 150, patrocinios e axudas», apunta.

Xa renovou a Pelayo Barrero como míster do primeiro equipo

A primeira decisión de Asier Burundarena como presidente foi renovar a Pelayo Barrero como adestrador do primeiro equipo: «É unha peza fundamental do proxecto por como traballa e a súa xestión do vestiario. Tamén teremos un preparador físico e un adestrador de porteiros». Tamén avanzou que José Manuel Teijeiro seguirá á fronte do infantil, Setxu Fernández chega do Mondoñedo para o cadete e Dani Chinchín liderará o xuvenil. 

Convocan unha reunión o vindeiro xoves 5 de xuño

A nova directiva focense convoca unha reunión o vindeiro xoves 5 de xuño ás 20.30 horas no Cenima para presentar aos seus compoñentes e as ideas que agardan aportar. «Consideramos imprescindible o traballo coas categorías de base, porque son o futuro do club», explican dunha cita na que abordarán os seus conxuntos infantil, cadete e xuvenil.

José Sevilla, César Rivera, Daniel García, José Manuel Posada, Diego López, Adrián Álvarez Rivera, Cristian Domínguez e Andrea Rey traballarán xunto a Asier Burundarena polo progreso do CD Foz durante un ciclo de catro anos. 

O espello do Burela

O novo presidente roxibranco non tivo reparos en admitir que teñen un bo modelo para as súas actuación no modelo da SD Burela, recén ascendida á Preferente con Jairo Campo, de só 31 anos, como presidente e goleador: «Obviamente é un modelo moi bo, que coida a base e implica aos veciños. Fai pobo. Que ascendesen foi a guinda do pastel, pero o traballo era boísimo de todas formas. Trataremos de darlle a nosa pizca de orixinalidade, ter un método propio, pero lévome ben con Jairo, lévame só catro anos, e xa lle preguntei moitas dúbidas e seguro que o seguirei facendo. El tampouco ten problema en axudar».