A Deputación dá a Coruña apoia con 1,2 millóns de euros a 156 clubs deportivos da provincia
DEPORTES

As entidades deportivas beneficiadas participan en competicións de ámbito nacional e internacional e xa poden consultar as axudas no BOP do luns 26 de maio
26 may 2025 . Actualizado á 20:48 h.A Deputación dá a Coruña destina este ano 1.190.589 euros a apoiar os clubs deportivos e deportistas da provincia que participan en competicións de ámbito nacional e internacional.
A resolución definitiva deste programa de apoio ao deporte coruñés, publicada onte no Boletín Oficial da Provincia (BOP), beneficia a un total de 156 clubs coruñeses masculinos e femininos de todas as especialidades deportivas (fútbol, baloncesto, atletismo, balonmán, rugbi, natación, piragüismo, remo, ciclismo, voleibol, hóckey, ximnasia, yudo, taekuondo…) que participan en competicións deportivas do máis alto nivel.
O deputado de Deportes, Antonio Leira, destacou a importancia deste programa, que «contribúe de xeito decisivo a apoiar aos principais equipos do deporte coruñés, permitindo que a nosa provincia estea representada ao máximo nivel nas ligas e torneos nacionais e internacionais».
«Somos conscientes do esforzo que supón competir fóra, dos custos de desprazamento, fichas, material, e por iso este apoio da Deputación é fundamental para que os clubs poidan centrarse no deportivo e seguir crecendo», explicou Leira.
«Non falamos só de fútbol ou baloncesto; apoiamos tamén disciplinas como o piragüismo, o remo ou a ximnasia, que teñen grandes clubs e deportistas na provincia», engadiu.
Leira tamén subliñou o compromiso da Deputación coa igualdade no deporte: «Estas axudas chegan por igual a clubs femininos e masculinos, porque queremos unha práctica deportiva que recoñeza o mérito e o esforzo con independencia do xénero ou da modalidade».
Entre as subvencións de maior importe destacan as do Baxi Uni Ferrol de baloncesto feminino para a participación na liga Endesa (53.691 euros), o Hóckey Club Liceo da Coruña (53.691 euros), o Club Noia de Fútbol sala (43.664 euros), a escola de Basket Xiria de Carballo (26.952 euros) e o Club de Baloncesto Culleredo (26.952 euros), o Bergantiños FC (22.273 euros) ou a SD Compostela (22.139 euros).
As subvencións pódense consultar no BOP do luns 26 de maio, por medio da ligazón https://bop.dacoruna.gal/bopportal/publicado /2025/05/26/2025_0000003304.html