A carreira popular dos Rosales, do circuíto Coruña Corre, pecha inscricións este domingo

La Voz A CORUÑA

DEPORTES

ANGEL MANSO

É a última proba antes do parón estival e celébrase o próximo 1 de xuño

23 may 2025 . Actualizado á 10:00 h.

Só queda semana e media para que A Coruña saia novamente a correr pola cidade. Será nos Rosales, onde o vindeiro domingo 1 de xuño celebrarase a duodécima edición da súa carreira popular.

A proba será de case seis quilómetros e arrincará ás 10.00 horas na avenida Fernando Suárez García, ao lado do pavillón polideportivo municipal dos Rosales. O primeiro sector levará ás persoas participantes pola travesía dos Rosales e, xa a continuación, polas rúas Manuel Azaña e Simón Bolívar, circunvalando posteriormente a praza Elíptica e saíndo en dirección á estrada do Portiño, por onde discorrerá boa parte da carreira. A liña de meta estará precisamente ao lado do pavillón polideportivo municipal dos Rosales, chegando desde O Portiño.

Manuel Vázquez, concelleiro de Deportes, animou á cidadanía para sumarse ás persoas que xa confirmaron a súa participación na proba. O prazo de inscricións finalizará este domingo 25 de maio ás 23.59 horas, «e a nosa meta é darlles ánimo nesta recta final, sabendo que a tempada da Coruña Corre chega agora ao seu ecuador e que volverá despois do verán», indicou o concelleiro.

Neste sentido, a dos Rosales é a cuarta carreira deste ano, tras as xa disputadas na torre de Hércules, Matogrande-Xuxán e San Pedro de Visma. A clasificación xeral do circuíto deixa, polo momento, a Álvaro Presedo e Inés López a cargo da táboa nas categorías absolutas masculina e feminina, respectivamente.

A este respecto, Manuel Vázquez lembrou que, máis aló da loita polo podio e os triunfos, «Coruña Corre é moi especial porque conta tamén con carreiras e percorridos adaptados a categorías inferiores e fomenta a práctica do deporte desde idades temperás, desde a sub-18 ata os nenos máis pequenos. Iso é moi importante, porque un dos obxectivos é dar continuidade no tempo ao circuíto e fomentar a implicación das xeracións máis novas e abrirlles paso para que tomen a vez nun futuro». Ademais, Coruña Corre segue sendo un circuíto cun marcado carácter familiar, con pais e nenos que gozan da xornada deportiva e compiten nas carreiras.