A Polvoreira aperta máis ao Viveiro (1-0)

La Voz LUGO / LA VOZ

DEPORTES

Xaime Ramallal

Coa súa permanencia en Terceira asegurada, un gol de Antón Núñez condenou aos mariñáns na Cheda

27 abr 2025 . Actualizado á 23:31 h.

CD LUGO B POLVOREIRA, 1: Minibugy; Hugo Díaz, Pablo Martínez (Herrero, min 72), Maceira, Raúl Paz, Alonso (Héctor, min 81), Antón Núñez (Noah, min 90), Nacho Puente, Padín (Lansade, min 90), Parede e Mateo.

VIVEIRO CF, 0: Ayoub; Diogo, Diego, Peli (Arturo, min 81), Santín, Rolle, Lombao, Xoel (Esquerdeiro, min 62), Fanego, Vila e Sylla. 

GOLES: 1-0, min 23: Antón Núñez.

ÁRBITRO: Padín Pita (Ferrol). Expulsou con dobre amarela ao mariñán Sylla (min 90). Tamén amoestou a Alonso, Santín, Peli e Fanego.

INCIDENCIAS: Partido celebrado na Cheda.

A nova xornada en Terceira Federación deixou sorte dispar para os equipos lucenses que se mediron na Cheda. O Lugo B Polvoreira selou a súa permanencia matemática —faríao incluso se perdese—, mentres que o Viveiro segue en serios apuros. Acada as dúas últimas xornadas con tres puntos de marxe e a crecente ameaza dun arrastre.

Un gol de Antón Núñez nun centro lateral que se lle escapou a Ayoub e prolongou Maceira sentenciou na primeira parte o derbi lucense da Cheda. Santín e Adri Lombao xeraran antes boas oportunidades para un cadro celeste que non se cansou de buscar vías ao gol, pero estivo desacertado nos últimos metros. Á contra puideron sentenciar os locais.