O Baxi Ferrol cae fronte ao Zaragoza na Malata, pero a derrota do Gernika (48-79) clasifica ás mosqueteiras para o «play off»

Elba de la Barrera Agulló
E.Barreira FERROL / LA VOZ

DEPORTES

CESAR TOIMIL

A festa dilatouse para as de de Lino López, que coa derrota das vascas viaxarán a Canarias coa oitava praza asegurada

12 abr 2025 . Actualizado á 21:12 h.

Facendo honra ao seu xentilicio, o Casademont Zaragoza imprimiu maña e forza para contrarrestar o poder da maxia da Malata e impedir ao Baxi Ferrol (48-79) celebrar en vivo o peche da fase regular coa certificación da praza play off para as de Lino López, que se viron superadas durante todo o partido e que, iso si, coa derrota do Gernika fronte ao Gran Canaria (53-60), que impide ás vascas acadar ao equipo ferrolán, viaxarán ás illas coa praza para a pelexa polo título xa no peto a próxima xornada. Fíxose agardar o feitizo, pero ao final acabou producindo efecto para as mosqueteiras. 

O halo da Malata como esconxuro sobre o parqué ferrolán. O obxectivo: cobrarse a vendetta da primeira volta contra as mañas e certificar a presenza nun play off polo título co que seguir soñando. Con Noa Morro fóra da convocatoria por problemas físicos, tocaba ás mosqueteiras suplir a súa ausencia nun novo exercicio de deixar o resto.

Inaugurou o marcador Fraser para as mañas e rapidamente deu a réplica Pospísilová. Trabouse a cousa nas seguintes posesións para ambos os combinados, coas locais afinadísimas na coreografía defensiva disposta polo comandante Lino López. Desatábase no interior Claire Melia para animar a cousa e contestaban as mañas a golpe de triplo.

Como resposta, ruxía A Malata. Non conseguían as locais, pese ao alento, finalizar xogada e tocáballes, unha posesión máis, afanarse en minimizar a un equipo de talla Euroliga. Birlaba Gala e, ela soíña, penetraba ata a cociña para deleite do respectable. Acalaba a xolda Mawuli, cun novo triplo (6-8) e sacaba Lino a toda unha baza exterior como Millán. Non impedía o exercicio defensivo do Baxi que ás visitantes lles seguise adestrado todo desde a liña de tres e tocáballe ao preparador local tirar dun sanador tempo morto (8-16). Ata os dez elevábao Mawuli desde a liña de tiros libres e negábanse os intentos de tres das mosqueteiras para coarse no cesto (8-20).

Alivio no rostro de Lino cando, á falta de segundos para o peche do primeiro cuarto, entráballe o primeiro a Pospísilová. Non estaba conforme a todo terreo checa, que deixou a cousa en 13-22.

Mesma tónica nos segundos dez de duelo, co índice de acerto visitante disparado e un Baxi ao que lle estaba custando atopar gretas (17-31). Momento para o do de peito ao que respondeu Joiner cun aplaudido triplo, pero faltaba continuidade á arrancada local para meter ao rival o medo no corpo.

Apertaba a bancada consciente da importancia de insuflar alento. No entanto, o aro se emperraba en chuspir unha moi clara de Sánchez Ramos (22-35) e, cando a cousa se empinaba en demasía, tocáballe a Pospísilová obrar un novo triplo sanador para deixar a cousa en dez (25-35).

O guion aragonés seguía sendo, a pesar de que defendía a un tempo todo o pavillón, o de non fallar na despedida da Malata da fase regular da liga (27-44). Unha concatenación de decisións arbitrais grises revolvían, para máis acenos, aínda máis unhas augas que só acougou o descanso.

 Festa en diferido

Evadirse do marcador e gozar foi o que pactaron, sen necesidade de mediar palabra, marea azul e rosa e vestiario e con todo e máis saíron as mosqueteiras ao segundo asalto. Arengaba a bancada co 32-52 brillando no luminoso e saltaba, un mes despois, Carlota Menéndez ao parqué da Malata

Con máis de vinte puntos de fenda, quedaban dez e a bancada non baixaba a bandeira. Protestouse cada acción e cada dubidosa decisión do colexiado e, co mesmo fervor, aplaudiuse cada punto nunha clara demostración de que as mosqueteiras non están soas nestas últimas rabexadas dunha liga na que, na cancha do Gernika, acabouse impartindo xustiza para as mosqueteiras, que coa derrota das vascas, xa son equipo de play off e poden soñar en clave europea o próximo curso. A festa foi en diferido, pero foi.

 

Ficha técnica

 BAXI FERROL: 48

Pospí?ilová (13), Mestres (6), Mataix (2), Melia ()6 e Joiner (3) no quinteto inicial. Tamén xogaron: Sánchez Ramos (8), Millán (6), Davis e Menéndez (4).

 ZARAGOZA: 79

Manei (12), Ortiz , Atkinson (6), Mawuli (13) e Fraser (10) no quinteto inicial. Tamén xogaron: Brcaninovic, Flores (2), Pueyo (19), Oma (9), Evans (8).

PARCIAIS AOS CUARTOS: 13-22, 14-23 (27-45); 7-11, 14-23 (48-79)

ÁRBITRO: Javier Ávila, Jorge Muñoz e Joaquín Lizana. Sancionaron con 16 persoais ás locais e 11 ás visitantes.