A emotiva mensaxe de Benjamin Compaoré a Ana Peleteiro tras o seu ouro europeo: «A miña raíña»
DEPORTES

A atleta de Ribeira conquistaba este venres o ouro no Europeo de Apeldoorn tras uns meses de cambio, con regreso a Galicia, cambio de adestrador e unha lesión no xeonllo
08 mar 2025 . Actualizado á 12:48 h.Ana Peleteiro volveu voar. O seu éxito no campionato de España anticipábao, pero a triplista olímpica de Ribeira daba este venres outro golpe sobre a mesa. Un golpe que lle valía un ouro europeo en Apeldoorn.
A atleta cólgase no campionato continental baixo teito a súa primeira gran medalla internacional desde o seu regreso a Galicia, a oitava nunha gran cita dentro dun palmarés de lenda no triplo salto.
A galega consegue este éxito na súa primeira tempada de regreso á súa terra e demostrando que o seu tándem familiar e deportivo funciona á perfección. E é que Peleteiro decidía o pasado mes de setembro emprender unha nova etapa tras oito exitosos anos traballando ao lado de Iván Pedroso, con quen mantén unha excelente relación.
Por todo iso, é normal que o seu marido e agora adestrador Benjamin Compaoré, con quen casou en setembro do 2023, e ten unha filla, a pequena Lúa, estea exhultante co novo éxito deportivo da súa esposa, que tamén é o seu.
Cun entrañable «a miña raíña», o exatleta recentemente retirado, quería homenaxear á súa compañeira nas pistas e na vida.
«Estou moi orgulloso da miña muller, do noso traballo, das nosas decisións. Ela é unha guerreira que nunca se rende e sempre loita ata o final. Esta medalla de ouro é nosa e imos a por máis. Orgulloso de nós e da nosa familia», apuntaba o adestrador francés.
Un cariño que a barbancesa lle devolvía, orgullosa do seu éxito como equipo. «Só aquel que viviu de preto o transcurso destes últimos meses, sabe o valor real deste título. Un título, resultado de moito medo, incerteza, traballo… Pero sobre todo de amor e confianza», escribe en Instagram. «Grazas a todo o meu equipo, amigos e familia por facelo posible, pero sobre todo grazas ao amor da miña vida, o meu mellor amigo, o meu cómplice, o que sempre confía en min, o meu adestrador Benjamin Compaoré.
«Elixirte, en todos os sentidos, foi a mellor decisión da miña vida. Seguiremos traballando máis forte que nunca, para que isto só sexa o inicio dunha incrible historia», di a galega.
A este momento de euforia únese que hai unhas semanas a propia Ana Peleteiro anunciaba que sufría unha lesión no xeonllo, a mesma que padeceu hai dez anos, e que lle obrigaba a cambiar a súa perna de batida. Un tratamento conservador mantívoa ao seu máximo nivel e ao chanzo máis alto do triplo salto en Europa.