Mbappé e Griezmann, fóra da lista provisional de convocados de Francia para os Xogos Olímpicos

La Voz

DEPORTES

Abdul Saboor | REUTERS

Thierry Henry, o seleccionador galo, dará o próximo 3 de xullo os nomes definitivos

03 jun 2024 . Actualizado á 11:56 h.

Thierry Henry deu a coñecer a prelista de Francia para os Xogos Olímpicos de París 2024. O adestrador galo optou por Yoro, Zaïre-Emery, Barcola e Lacazette como xogadores máis destacados da lista. Deste xeito, nin Griezmann nin Mbappé están na convocatoria para a cita estival deste ano, despois da espectación que se xerou en ambos os xogadores.

O técnico asegurou que se trata dunha lista preliminar «que pode cambiar e que cambiará» e sinalou que manteñen negociacións con moitos clubs para que permitan acudir a xogadores, xa que non é unha data da FIFA.

A pesar de todo, L'Équipe asegura que hai aínda unha praza para maiores de 23 anos libre. Deste xeito, tanto Mbappé como Griezmann poderían acabar indo a última hora. O 3 de xullo é a lista final.

Henry asegurou que nas conversacións que mantiveron co Real Madrid, posible futuro equipo de Mbappé, a negativa foi tallante sobre a posibilidade de permitir ao dianteiro para acudir aos Xogos na súa cidade natal.

«As persoas coas que eu falei foron moi directas. Non houbo negociación: chegas, pides, dinche que non e vaste», sinalou Henry, que precisou que ningunha porta está pechada.

O combinado anfitrión, encadrado no Grupo A do torneo olímpico de fútbol onda Estados Unidos, Guinea e Nova Zelandia, debutará o próximo 24 de xullo ante o combinado estadounidense, para posteriormente medirse o 27 fronte a Guinea, e pechar a fase de grupos o 30 ante os neozelandeses.

Prelista de Francia nos JJOO

- Porteiros: Chevalier, Nkambadio, Restes, Risser

- Defensas: Diakité, Estève, Locko, Lukeba, Sildillia, Truffert, Yoro

- Mediocentros: Akliouche, Chotard, Doué, Koné, Millot, Thuram, Ugochukwu, Zaïre-Emery

- Dianteiros: Barcola, Kalimuendo, Lacazette, Mateta, Olise, Mathys Tel