Joselu, Vinicius e o Bernabéu levan ao Madrid a Wembley

Francisco Brea
Fran Brea REDACCIÓN / LA VOZ

DEPORTES

Susana Vera | REUTERS

O galego entrou no minuto 81 no terreo de xogo, pero fóronlle suficientes para converterse no heroe da noite no Real Madrid 2-Bayern de Múnic 1

09 may 2024 . Actualizado ás 10:31 h.

O Real Madrid ten un dianteiro centro que vale, polo momento, unha final de Champions. Joselu converteuse no heroe do madridismo e non lle fixeron falta máis que uns poucos minutos. O partido, cos brancos por baixo no marcador, pedía a berros un nove, pero Carlo Ancelotti, ao que ás veces lle custa facer os cambios, tiña ao de Silleda quentando na banda e non lle daba entrada.

Ao final, o italiano fixo o que a súa afección estaba a pedir a berros. O 14 merengue ingresou no terreo de xogo e fixo historia. Tivo fe e olfacto de dianteiro cando Neuer, que estaba asinando un partido incrible, sendo o mellor do Bayern de Múnic, non acertou a blocar un chute de Vinicius desde fóra da área que non parecía levar moito perigo.

O porteiro alemán chegou a tempo, non tivo nin que facer unha estirada para evitar que o coiro entrase na súa portería. O Bayern parecía salvado, pero entón a maxia do Bernabéu fixo das súas. Ao cérbero, inexplicablemente, escapóuselle a pelota das mans e rápido viuno Joselu para ir por ela con todo. Non o dubidou nin un instante o galego, que foi o máis rápido e o máis listo para meter a punteira e pór as táboas no marcador cando os xermanos xa se imaxinaban en Wembley para medirse ao Borussia Dortmund.

Nese momento xa se vía o que estaba por vir. Case sen tempo, é o momento do Real Madrid. Tocaba obrar un dos típicos milagres brancos, eses que nin os propios madridistas entenden, pero que, claramente, existen e repítense periodicamente.

Facendo historia

Con moita incerteza, o mesmo VAR que antes negara o empate, confirmou a remontada. Outra vez Joselu como protagonista e outra vez facendo o que mellor sabe facer, moverse na área e ver porta. Din que hai galegos en todas partes e agora hai un máis no libro de momentos para a historia do club branco.

Dous balóns tocados e dous goles, non facía falta máis nin ninguén lle pedía máis ao dezán. Foron nove os minutos que disputo no encontro de volta das semifinais da Champions, máis que suficientes para ser o heroe da noite, o máis querido polo madridismo aos seus 34 anos.

Desequilibrante

O outro protagonista foi Vinicius, que xa desde o primeiro minuto do partido galopó pola banda dereita do Santiago Bernabéu, volvendo tola á defensa alemá. As mellores ocasións dos brancos na primeira parte naceron nas súas botas e en todas elas se atopou cun gran Neuer, que acabou embazando a súa actuación cun erro de vulto e decisivo.

A segunda parte comezou como a primeira. Con Vinicius facendo diabluras pola banda esquerda, recortando, apurando a liña de fondo e centrando. Repetiu pouco despois cunha xogada similar. Neses momentos, Kimmich xa sabía que esa noite ía soñar co 7 branco. En seis minutos, o brasileiro deixou atrás ao alemán tres veces.

Non viu porta, pero Vinicius levantou á bancada coa súa actuación e contaxiou aos seus compañeiros, que non deixaron de crer.