0003_202405G2P34992

Cinco galegos en busca dun trono continental

DEPORTES

RICCARDO ANTIMIANI | EFE

Angeliño e Borja Iglesias veranse as caras na semifinal da Europa League, nas que tamén estará Rubén Blanco

02 may 2024 . Actualizado ás 10:59 h.

Máis aló da participación de Lucas Vázquez e de Joselu co Real Madrid na Champions League, haberá presenza galega nas outras catro semifinais continentais que se disputarán este xoves. Na Europa League, o coristanqués Angeliño e o santiagués Borja Iglesias veranse as caras no Roma-Bayer Leverkusen (21.00 horas, Movistar Liga de Campións), mentres que o mosense Rubén Blanco buscará a final coa súa Olympique de Marsella, que recibe ao Atalanta italiano (21.00 horas, Movistar Liga de Campións). 

Duelos, ambos con aspiracións e protagonismos moi diferentes para os xogadores galegos. O gran favorito é o incontestable Leverkusen de Xabi Alonso, que quere repetir a xesta do 1988, cando levantaron o segundo trofeo continental a costa do Espanyol. Borja Iglesias , cedido ata o próximo mes de xuño, xogou os dous partidos de oitavos co campión da Bundesliga nesta competición, que xa disputara co Betis e co Espanyol.

Wolfgang Rattay | REUTERS

Máis importante é Angeliño, tamén cedido, no lateral esquerdo do Roma para De Rossi, aínda que en Europa apenas gozou de minutos desde a súa chegada á capital italiana. No seu caso, esta non será a primeira vez tan preto de tocar metal europeo. De feito, xa xogou como titular unhas semifinais de Champions League, co Leipzig no 2020. Agora, se xoga, terá a difícil misión de parar a un dos mellores ataques do continente e levar ao seu equipo á súa segunda final consecutiva de Europa League, en busca do seu primeiro cordón.

No outro lado do cadro está Rubén Blanco . O mosense parte, a priori, como suplente do tamén español Pau López, pero regresa a unhas instancias que xa visitara co Celta naquela histórica tempada 2016-2017. O seu Olympique busca o seu primeiro título europeo desde a Champions League de 1993.

Fran Rico e Pablo Rodríguez

BERNADETT SZABO

Tamén haberá presenza galega nas semifinais da Conference League, aínda que non será no verde. O portonovés Fran Rico, asistente de Mendilibar en Olimpiakós visitará Birminghan, onde traballa o viveirense Pablo Rodríguez como analista para Unai Emery no Aston Villa (21.00 horas, Movistar Liga de Campións). A outra semifinal enfrontará ao Fiorentina italiano co Bruxas belga. Un final de tempada prometedor para o fútbol galego.