O Parrulo Ferrol se desquita na Malata ao grande ante o Betis B (6-2)

E.Barreira / J. Valencia FERROL / LA VOZ

DEPORTES

CESAR TOIMIL

O regreso de Adri, con gol incluído tras quince xornadas de ausencia, e a primeira vitoria de Nacho García marcaron o choque

17 mares 2024 . Actualizado ás 09:05 h.

Volveu o capitán do Parrulo e volveron as vitorias locais ao parqué da Malata. Os de Nacho García, que foron superiores durante todo o choque, impuxéronse con folgura ao Betis B (6-2) nun partido que serve ao cadro ferrolán para reengancharse e non dar por perdido o obxectivo de loitar por unha praza play off.

A por a súa primeira vitoria despois de cinco encontros sen lograr sumar de tres saltaron O Parrulo Ferrol e un Betis B situado como segundo pola cola na táboa. O regreso de Adri tras quince xornadas no dique seco marcou o choque no que Nacho García puido celebrar a súa primeira vitoria á fronte do banco do combinado local.

Intensidade inicial e maior dominio do coiro dos locais desde o asubío inicial, sen lograr definir con claridade nos últimos metros. Saltaba Adri ao parqué para sumar a súa experiencia e a súa maxia e romper a mala dinámica do equipo. A aproximación máis clara acuñouna Orzáez no seis, cun disparo cruzado que se marchou lixeiramente escorado. De pillería tirou Keita no nove para abrir a lata aproveitando unha segunda xogada. Mandaba O Parrulo en casa. Cheiraban sangue os de Nacho García, que intentaban ampliar a marxe por mediación de Novoa e Aitor.

O xogo viuse interrompido no once pola indisposición dunha afeccionada do club local, que foi ovacionada á súa saída do recinto para recibir asistencia médica. Segundo indicou o club por megafonía todo quedou nun susto.

Non tardou O Parrulo en atopar premio á súa chegada e no catorce materializou o segundo por mediación de Hélder desde os dez metros.Tivo o terceiro o caboverdiano nunha acción individual na que a tardanza á hora de percutir o exceso de caneo minimizaron o perigo. Fíxose grande Coro ante Santacruz a falta de tres para o descanso evitando o primeiro dos béticos. Insistían Orzáez e Adri en romper liñas e sorprender nun único pase nos compases finais da primeira metade. A vixilancia do cadro andaluz negou a diablura ao primeiro e segundo capitán dos ferroláns. 

 Pasar o rodete

 Despois do descanso ampliou Aitor a distancia nunha continuación na que pasaron o rodete os de Nacho García, que por mediación de Novoa e Orzáez ampliaron a distancia a 5-0. No entanto, tal e como vén sendo habitual, perderon fol os locais co paso dos minutos e os béticos aproveitaron as fisuras para recortar distancias con tantos de Pablo Cendán e Pablo Muñoz.

A falta de pouco máis de dous para o final, o retorno do rei do Parrulo quedaba certificado cun gol que disipa calquera dúbida.

Un 6-2 que outorga aire ao cadro ferrolán, que se reengancha ao tren da vitoria e faino reincorporando a un Adri que é experiencia, efectividade e gol para o equipo.

Ficha técnica:

 O Parrulo FERROL:  6

Coro; Hélder, Novoa Domingos e Keita no quinteto inicial. Tamén xogaron Aitor, Orzáez, Turbi, Moñino, Rumbo, Adri

 BETIS B: 2

Souviron, Bernal, Mariano, G. Santacruz e Pablo Muñoz no quinteto inicial. Tamén xogaron Nil, Mendoza, Cendán, Gemes, Cabanas

GOLES: 1-0, min 9:Keita; 2-0, min 14: Hélder; 3-0, min 20: Aitor; 4-0, min 24: Novoa; 5-0, min 32: Orzáez; 5-1: min 35 Pablo Cendán; 5-2, min 37: Pablo Muñoz; 6-2, min 38: Adri.

ÁRBITRO: Adrián Calleja Rubio e Gael García Schmitt (comité asturiano).

INCIDENCIAS: Vigesimocuarta xornada de liga en Segunda na Malata ante preto de dous milleiros de espectadores..