Incerteza na Rod Laver

Fernando Rey Tapias

DEPORTES

LUKAS COCH | EFE

25 ene 2024 . Actualizado ás 16:47 h.

Difícil prognóstico nas semifinais da proba masculina do primeiro grand slam do ano. Pola parte alta do cadro, Novak Djokovic, confirmou a súa condición de favorito, aínda que no seu camiño, teña perdido 3 sets e por momentos o seu xogo non indicase un bo estado de forma. No seu mesma parte do cadro, tamén cumpriu a súa condición de favorito Jannik Sinner, aínda que a diferenza do serbio, o italiano liquidase de forma clara todos os seus enfrontamentos acadando as semifinais sen perder nin un só set. Con estes datos, poderiamos deducir que Sinner é favorito, pero descartar ao serbio, gañador en Melbourne en 10 ocasións, curtido en infinidade de partidos decisivos como este, un competidor nato que se crece canto máis difícil é o reto, sería unha temeridade. Non hai que deixar de lado, o dato de que nos últimos tres enfrontamentos o italiano impúxose en dous demostrando ter o potencial suficiente para superar ao número uno.

Todo iso nos leva a supor que veremos un gran partido entre un Djokovic que quere seguir dominando e engrosando o seu fantástico palmarés e un Sinner que xa quere demostrar que é a substitución ao serbio para dominar o circuíto a partir deste torneo.

A outra semifinal, tamén promete emoción. A ambos lles custou acadar as semifinais. En dúas roldas tiveron que esgotar os cinco sets para seguir adiante, pero a pesar do desgaste, os dous xa están onde querían. Xa se enfrontaron en 18 ocasións, con vantaxe para o ruso de 11 vitorias a 11. Zverev está nun excelente momento de forma, como demostrou ante Alcaraz, pero a enorme consistencia do ruso esixe xogar moi ben durante todo o partido, algo que ao alemán lle custa. Partido tamén de difícil prognóstico, que engade a incerteza que haberá na Rod Laver Area, nunhas semifinais de gran nivel.