David Nespereira, xogador do Barbadás e piloto de ralis: «Non sigo aos equipos de Primeira División e vexo pouco fútbol»

Luis Manuel Rodríguez González
Luis M. Rodríguez OURENSE / LA VOZ

DEPORTES

Santi M. Amil

O carrilero dos azulones traballa no seu taller mentres agarda ao Valladolid, próximo rival do conxunto ourensán en Copa do Rey

10 nov 2022 . Actualizado á 05:00 h.

David Nespereira Lage (Ourense, 1997) é un deses mozos valores do fútbol provincial que comezou a chamar a atención con só tres anos nas categorías inferiores do Club Deportivo Ourense. Tras virar cara ao entón Ponte, a súa progresión levou a enfundarse a casaca do Pavillón CF, chegando incluso á División de Honra de xuvenís. Nese momento, para iniciar a súa traxectoria como sénior, entrou na estrutura da Unión Deportiva Barbadás, onde xa vai pola súa sétima tempada, en Terceira División e Preferente. Coa elástica azulona, espera o partido dos partidos, a súa estrea nun torneo do nivel da Copa do Rey e coa vista posta nun rival da máxima categoría, como o Real Valladolid.

«É unha ilusión enorme. É certo que te imaxinas antes do sorteo a equipos co nome do Atlético de Madrid ou o Athletic Club, pero sendo honestos un encontro contra un equipo de Primeira División é algo que non imos vivir nunca máis a maioría de nós. Máis que por xogar, estou a desexar que chegue o día para gozar das sensacións», matiza un futbolista con clara vocación atacante, ao que Agustín Ruiz atopoulle outra misión no lateral esquerdo, tras a lesión do capitán Martín Fernández.

Mecánico de profesión, Nespe tamén ten outra paixón deportiva, a do automobilismo e, en particular, os ralis. Entre faena e faena no seu taller, pon a punto vehículos nos que pisa o acelerador a fondo coa súa noiva, Lucía González, no asento da dereita. Ao volante tamén é veloz, incluso máis que co balón nos pés. «Estreeime no RallyMix de Barbadás do 2018, cun Golf II de Marabú. Desde entón, debemos levar uns doce ralis, pero o certo é que é un deporte que se che fai moi caro sen patrocinios. Estamos no Volante FGA co Peugeot 106 e danche algún premio económico se rematas nas primeiras posicións, pero non te compensan nin a terceira parte do investido na proba», relata David, que ademais lle dedica moito tempo ás súas dúas actividades competitivas.

Nado nunha familia á que sempre lle seduciu o mundo do motor, canalizou por aí a súa expectativas laborais e, desde fai uns seis meses, está a cargo do Taller Mecánico Nespereira Lage, en Reboredo de Calvelle (O Pereiro de Aguiar). «Estudei o ciclo de Mecánica e decidín dedicarme a isto. O meu irmán Toño —capitán do Barbadás— dedícase máis ao tema da compravenda. Con el e co meu pai sempre iamos de pequenos aos ralis e gozabamos deste deporte», argumenta o piloto, que mostrou boas mans nas súas aparicións nas probas galegas, aínda que recoñece que a súa continuidade a ve complicada: «Lucía e eu estámolo estudando, queremos seguir, pero será seguramente dun modo esporádico. Agora temos que envorcarnos no taller e, sen ir máis lonxe, na última proba démoslle un golpe ao coche, que foi unha bobada, pero son gastos a maiores. Tamén lle quitas tempo ao descanso para pór o coche a punto e non é doado».

Fútbol no campo

Desde o prisma do afeccionado, David admite que goza máis vendo competicións de motor que fútbol de elite e, así, ao analizar o que se pode atopar contra o Valladolid, confesa: «Non sigo aos equipos de Primeira División e vexo pouco fútbol televisado. Móvome máis para ver ralis e calquera proba automobilística. Desde o sorteo fixeime no Valladolid e supoño que gozarei a lume de biqueira esta eliminatoria da Copa do Rey».

Para os xogadores de Vos Carrís, o choque terá ademais o aliciente de xogalo no estadio do Couto, cun acceso máis cómodo para a súa afección, pero tamén para moitos seguidores do fútbol ourensán: «Agardo un ambiente espectacular, moi distinto aos nosos partidos na Preferente. É unha tarde para gozala e oxalá a nosa xente tamén poida divertirse. Temos que ir con ganas e agardo que non nos vexamos humillados. Oxalá poidamos aguantar o máximo de minutos posibles e plantar cara a un rival de moita maior categoría».

Mentres afina máis dun motor, o mozo Nespereira pensa en manter o tipo no seu flanco. Seguro que o fai ben.