0-1 | Á falta de Haaland, Kevin De Bruyne

DEPORTES

JASON CAIRNDUFF | REUTERS

O conxunto de Pep Guardiola, que botou en falta á súa estrela ante o Leicester, venceu sen grandes alardes e cun golazo de falta do belga

29 oct 2022 . Actualizado á 20:01 h.

O Manchester City non quere ceder nin un punto na súa loita polo primeiro posto. Á falta de Haaland, Kevin De Bruyne vestiuse de goleador. O centrocampista anotou un gol de falta directa que serviu para resolver o partido contra o Leicester (0-1). Os de Pep Guardiola, sen grandes alardes de superioridade e demostrando que lles custa atar os partidos máis que noutras tempadas, sacaron ouro da gran calidade do belga.

O ataque do City pagou a ausencia de Erling Haaland por segunda vez desde o inicio de curso —a primeira na Premier League—. O punto de referencia pasou a ser Julián Álvarez. Nin o regreso de De Bruyne á titularidade citizen abondoulle ao arxentino de 22 anos para unir forzas cun aliado que lle dese balóns de gol.

O Manchester City foi o claro dominador do primeiro acto. Con todo, por moito que logrou manter o control do balón en campo contrario, estrelouse unha e outra vez contra o muro que levantaron os foxes para protexer a Ward. Entre tanto intento, incluso puido chegar a sorpresa no King Power Stadium grazas a unha contra. Un disparo de Harry Barnes que obrigou a intervir a Ederson.

O Leicester, confiado para desquiciar aos de Guardiola, cometeu unha falta ao bordo da área ao comezo do segundo tempo. Pagouno caro. Porque aí estaba De Bruyne para executala, e el non falla. O balón entrou pola escuadra. Limpo. Perfecto. Imposible para Ward.

A pasar do tanto e do dominio dos de Mánchester, o equipo de Brendan Rogers mantívose no partido con accións de Tielemans e Iheanacho. O City acomodouse e rematou sufrindo. Pero tamén gañando e asegurándose o liderado. Ata mañá.

Os «gunners» queren máis

O Arsenal recibe ao Nottingham Forest (15.00 horas, Dazn), pechacancelas da Premier. O conxunto de Mikel Arteta sufriu unha freada no seu bo arranque de campaña, empatando co Southampton e perdendo contra o PSV. Quere converter estes resultados nunha miraxe e volver coller impulso fronte a un rival, a priori, alcanzable.

Hoxe foi tamén a quenda para outros tres equipos das posicións nobres da táboa. O Newcastle instalouse xa na cuarta praza a golpe de tantos. As urracas lograron en St. James Park a vitoria —a súa cuarta seguida— ante o Aston Villa (4-0). Dous goles e dúas asistencias de Callum Wilson deron forma a unha goleada que se encargou de culminar Miguel Almirón.

Os de Eddie How, que se sitúan en postos de Liga de Campións, tamén tiraron proveito do tropezo do Chelsea. Os blues, que asinaron unha primeira parte para esquecer, caeron ante o Brighton (4-1). Con esta derrota suman a súa terceira picada consecutiva na competición inglesa.

Máis sorte tivo o Tottenham. A presión recaía sobre os Spurs despois de perder as dúas últimas xornadas e deixado escapar a clasificación a oitavos da liga de Campións. Con todo, foron capaces de remontar de forma agónica os dous goles do Bournemouth (2-3). A segunda parte sen tachones dos de Antonio Conte e os goles de Sessegnon, Davies e Betancur nos últimos compases, foron claves para que os londiniense reaccionasen e deixasen atrás a súa mala serie.