Lucas Vázquez, o olimpo galego en Europa

DEPORTES

AFP7 vía Europa Press | EUROPAPRESS

O futbolista de Curtis xogará as súas quintas semifinais de Champions League, igualando no rexistro histórico a Luis Suárez Miramontes e Amancio Amaro

13 abr 2022 . Actualizado á 19:52 h.

Nese libro de historias interminables que parece escribir o Real Madrid cada vez que resolve unha eliminatoria europea no Santiago Bernabéu, a superada ante o Chelsea deixa a Lucas Vázquez como protagonista dun asunto con evidente acento galego. O de Curtis (A Coruña) clasificouse para as súas quintas semifinais de Champions League, igualando un rexistro unicamente acadado por, quizais, os dous peloteros máis grandes que deu Galicia: Luis Suárez Miramontes e Amancio Amaro Varela, que o lograron na xa extinta Copa de Europa.

Emigrante do Ural en etapa xuvenil á capital de España, e integrante dunha das mellores xeracións dA Fábrica, Lucas xa estaba en dinámica do primeiro equipo na tempada 2013-14, pero non foi inscrito en Europa, polo que o seu idilio coa máxima competición continental comezou no seu regreso á casa branca. Volveu no 2015 da man de Benítez, aínda que triunfase baixo o amparo de Zinedine Zidane, sendo revulsivo habitual nas tres Champions consecutivas. Na súa primeira participación en semifinais, foi titular na ida ante o Manchester City e xogou 35 minutos na volta, logrando o pase para unha final na que se erixiu protagonista marcando o primeiro penalti da quenda ante o Atlético. Precisamente, os colchoneiros foron o rival da última eliminatoria na tempada seguinte, e o galego volveu participar na ida e a volta.

O mesmo en 2018, ante o Bayern, cando foi fundamental para cubrir a baixa de Carvajal e non saíu do once. Un experimento que lle deu corda para seguir no Madrid, a pesar de unha relación que parecía xa tan desgastada como a do club coa orejona. Pero o ano pasado o amor rexurdiu das súas cinzas. E así como os brancos sacaron o seu orgullo e experiencia, Lucas sacou toda a súa calidade para volver ser unha peza importante como lateral dereito, aínda que unha lesión deixáselle sen xogar unhas semifinais ata as que fora imprescindible.

Así, a última clasificación ante o Chelsea fixo que o coruñés se metese por quinta vez na última rolda da Champions League, igualando ao Arquitecto de Monte Alto e ao 7 do Madrid dos Yeyé, como o galego que máis veces chegou a estas alturas.

Unha presenza que vén desde as primeiras edicións do torneo, pois o primeiro galego que viviu unha semifinal foi Juanito González, parte daquel equipo no que reinaba Di Stefano. Pero houbo que agardar uns anos, ata a década dos 60, para que a calidade galega relucise nos estadios máis grandes e históricos de todo o continente. Xa cun nome construíndose ás súas costas, Luis Suárez acadou a final de 1961 co Barcelona, tras superar ao Hamburgo con partido de desempate incluído. Comezaba así unha década prodixiosa para el, coándose ata catro veces consecutivas, sempre co Inter de Milán, entre os catro mellores da competición, en 1964, 1965, 1966 e 1967.

En tres desas edicións, a súa Inter viuse as caras ante o Real de Amancio Amaro. Na final de 1964, os italianos venceron por 3-1, pero os brancos devolvéronlla superando as semifinais de 1966, cun gol de Amancio, que volvería a esas instancias en 1968, 1973 e 1976.

Non é de estrañar que o vínculo dos galegos co éxito continental teña moito que ver co club que máis veces tocou o ceo nesta competición, pois os seguintes nesta lista histórica tamén conseguiron as súas fazañas enfundados na camisa branca. Míchel Salgado disputou, de forma consecutiva as semifinais do 2000, 2001, 2002 e 2003, mentres que Míguel Ángel estaba no persoal do Madrid que quedou ás portas da gloria en 1973, 1976, 1980 e 1981.

Lucas, o máis gañador

A marca que si posée en solitario o versátil xogador de Curtis é o de ser o galego máis gañador deste torneo. Levantou a Champions en tres ocasións. Ata o momento.