P
ilar, filla de Moncho Gil, conserva a medalla de prata nunha vitrina do salón da súa casa en Vigo, practicamente co brillo que tiña hai un século, porque tela «é unha riqueza, algo grande». Ramón e Alejandro, netos de Ramón González, falan do «orgullo» de resgardar a primeira presea coruñesa, que o ano pasado mostraron riseiros a toda a cidade no Concello. E aínda que a de Luis Otero perdeuse nunha mudanza, basta con recuperar o que respondeu nada máis retirarse do fútbol a cal fora a súa máxima emoción deportiva: «Non o esquecerei nunca. Foi en Anveres, en 1920. Déronme posto no equipo enviado por España».
Ningún destes tres pioneiros, de ver a final da última Eurocopa, entendería que facían os xogadores ingleses arrincándose do pescozo a prata que conseguiran despois de caer nos penaltis contra Italia. Case se podería dicir que desprezando toda a suor investida ao longo dun mes de torneo. Non, Luis Otero, Moncho Gil e Ramón González non o comprenderían, como tampouco o resto de galegos que non puideron acadar o cume. Porque subirse ao segundo ou terceiro chanzo do podio significa estar entre os mellores do teu deporte e, por moita rabia que dea nese momento unha última derrota, nunca debe traducirse nun xesto de arrogancia.
O olimpismo non entende de desaires, senón de darlle a man ao vencedor, como fixo Gómez Noya tombado sobre a alfombra azul de Londres, e de respecto, como lle tivo Cal aos rivais que lle arrebataron o ouro ata catro veces despois de acadalo ao primeiro de vez e con 21 anos. E se non, que llo pregunten a Teresa Portela, que en Londres quedouse a 128 milésimo do colgarse un metal e é, seguramente, a galega que máis o desexa, máis o intentou e máis o merece.
A ningún dos nosos, se consegue a medalla en Tokio, ocorreráselle quitarlla, pero polo menos a opción de poder facelo significará que chegaría alto. Aínda que coa perspectiva que en Galicia dános o sofá, xa só participar considerarémolo un éxito, que xa bastante foi chegar sans e salvos á inauguración de mañá. Sorte.
Álvaro Alonso, autor do libro Galicia Olímpica