As cinzas da mellor liga

Xosé R. Castro REDACCIÓN

DEPORTES

Sergio Perez

17 ago 2020 . Actualizado ás 05:00 h.

Aquilo da mellor liga do mundo pode pasar a mellor vida. O fútbol español hai tempo que vén perdendo potencial en beneficio da Premier, a Bundesliga e outros campionatos emerxentes. En poderío económico, en organización e en futbolistas de primeiro nivel.

As dúbidas non apareceron en Lisboa coa eliminación do Barça e o Atlético, nin unha semana antes en Mánchester co adeus do Real Madrid. Os síntomas de decadencia de LaLiga son evidentes ao longo do último lustro, pero solapados sobre todo polos éxitos na Europa League e o dominio branco na Champions. Ademais, a selección tamén saíu do mapa top nos últimos anos.

Pero talvez o sucedido en Lisboa invite á reflexión. Por que os estadios da Bundesliga e a Premier estaban (antes da pandemia) cheos e en LaLiga non? Por que o mellor contrato televisivo corresponde a Inglaterra? Por que o fútbol francés ten cada día máis adeptos? E incluso por que a Serie A desposuíuse dos seus vellos tabús tácticos e converteuse nunha competición divertida?

En LaLiga xa non está Cristiano Ronaldo e a este paso tamén Messi fará as maletas vendo semellante fila de incompetentes vestidos de azulgrana ao seu redor. Os dous, de modos antagónicos, foron o mascarón de proa dun fútbol que prefire morrer de éxito a reciclarse pese ao inmenso poderío económico da LFP e a súa monstruosa maquinaria. Igual máis oxidada do que parece.

Ao declive do fútbol español tamén axuda o esperpéntico final de liga na categoría de prata. Alemaña padeceuno o primeiro día e atallouno. LaLiga, o último, e multiplicouno. Para reducir a cinzas o seu crédito.