O Leite Río Breogán aprobou un presuposto de 1,4 millóns para a próxima tempada

DEPORTES

ALBERTO LOPEZ

O consello explicou que o club ten un saldo positivo nestes momentos

06 ene 2020 . Actualizado á 18:40 h.

O Leite Río Breogán celebrou a súa asemblea de compromisarios anual, primeira baixo a presidencia de José Antonio Caneda, no salón de actos da Deputación. Tamén participaron por primeira vez a máxima accionista, Carmen Lence, e os membros do consello Tito Díaz e Alfonso Orol

O acordo máis relevante da reunión foi o de aprobar un presuposto para a presente campaña que ascende a 1.397.000 euros.

O gasto máis elevado corresponde aos honorarios previstos para o persoal, que supoñen 925.000 euros, seguidos dos 189.000 destinados a persoal do club.

O ingreso de maior contía que percibe a entidade son os 879.500 correspondentes a patrocinadores, seguidos dos 268.000 de abonados, 175.000 de publicidade estática e 35.000 de despacho de billetes. O club tamén calcula que esta tempada recadará uns 40.000 euros noutros ingreso de explotación, esencialmente merchandising.

O presidente informou que o saldo do club ao 30 de xuño pasado ascendía a -632.000, pero faltaban por computar máis de 400.000 en subvencións. Tamén aclarou que estaban apalabradas outras axudas con administracións por máis de 230.000 euros, polo que se se confirman, algo que manifestou que está practicamente asegurado, o club estaría actualmente en saldo positivo.

O consello aclarou que tras a ampliación de capital non se produciron cambios na repartición de accións no que compete aos maioritarios.

Os asistentes preguntaron polo estado contractual dalgúns xogadores e Tito Díaz explicou que Gavrilovic ten contrato ata o 5 de xaneiro e que decidirán os técnicos e que Olah ten no seu contrato unha cláusula que permite rescindilo se hai acordo por ambas as partes.

Un abonado interesouse polo elevado poder que ten Tito Díaz no club en todos os ámbitos. Respondeulle Carmen Lence, manifestando que a confianza no director xeral é total e que consideran importante que teña presenza no consello.

Os afeccionados tamén se interesaron pola posibilidade de poder adquirir con maior facilidade material do club, ao que lles aclararon que estes días abrirá unha tenda do Breo nAs Termas e que aínda están a mirar a opción de abrir unha fixa na Tinería, algo que non fixeron ata o de agora por necesitar un elevado investimento en reformas.