Adrián Ben, o atleta máis camaleónico

X.R.C.

DEPORTES

O viveirense, habitual en 1.500 metros, conseguiu a mínima para o Mundial nos 800, unha distancia que tamén domina

22 jul 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

De que Adrián Ben é unha das máis firmes promesas do atletismo galego non hai dúbida, pero ademais o de Viveiro é un atleta camaleónico, aínda que por tradición o 1.500 metros sexa o seu hábitat máis natural. Aínda en idade sub-23 demostrou ambos os extremos esta semana en Sabadell , logrando a mínima para o Mundial de Doha nos 800 metros cun tempo de 1.45.78. Apenas uns días despois de quedar ás portas da final do Campionato de Europa sub-23 no milqui, o que tamén demostra a súa forza mental.

A mínima na proba da dobre volta á pista non foi casualidade. Viaxou a Cataluña a intentalo ou polo menos a saber a canto estaba dela. «Fun para intentalo. Non sabía se ía a saír ou se non, pero fun sobre todo para ver se non saía canto era capaz de facer e se quedaba cerca tentalo máis veces, pero saíu á primeira», comenta o atleta do FC Barcelona, que recoñece que a primeira opción era conseguir billete no 1.500 «pero tampouco me desagrada os 800 senón que é unha distancia na que me atopo bastante cómodo. Agora vou intentar facela en 1.500 pero esta tempada estáseme a atragantar un pouco».

Pouco tempo despois de rematar a carreira de Sabadell, cunha alta esixencia e nun día de cans, as sensacións confirmábanlle que acababa de facer algo grande: «Esperei uns segundos a que saía o tempo e alí todo o mundo me dicía que collera 45.7», lembra. Pouco despois coñeceu o tempo oficial e o pasaporte mundialista.

Non pode dicirse que o 800 sexa unha proba estraña para o viveirense. Dino as súas marcas na etapa de formación e corrobórao a súa cabeza: «Eu fago especialmente 1.500, pero tampouco me considero un corredor dunha carreira única. Fago 5.000, son campión de España de cros, fago 800, fixen obstáculos de pequeno. Cando era xuvenil fixen a mínima do noso mundial en 800, 1.500, 2.000 obstáculos e 3.000, tampouco me consideraba de pequeno atleta dunha soa proba, senón que se me dan ben unhas cuantas». É máis, pensa que «teño un bo físico para 800 que se me dá ben, e entón é bastante alentador».

Ademais, esta mínima saíu sen unha preparación específica, o que lle invita a descartar un cambio de rumbo no seu cambio de ruta estival: «Para Doha queda moita competición por diante, moitos atletas que facer a mínima, así que isto non trastoca nada, senón que seguimos como ata agora».

Adrián, mesmo, non descarta seguir probando no 1.500 coa tranquilidade que dá ter xa o billete asegurado noutra categoría. De entrada probará o martes en Castelló antes de viaxar a casa para despexar a mente durante algúns días. Logo afrontará a parte final da tempada co mitin de Madrid e o campionato de España e a finais de setembro tocará Doha, unha cita que en absoluto era prioritaria no seu calendario. Para seguir crecendo e demostrando o atleta camaleónico que leva dentro.

Fáltalle atopar a carreira adecuada para tomar impulso no 1.500 metros

O gran problema de Adrián Ben no 1.500 metros é que ata o momento non lle saíu a carreira desexada. «Cando fun a Francia a facelo collín unha moi mala carreira e un mal día porque caeu o diluvio universal, a xente non quería correr e entón todo sumado fixo que levara un pau bastante grande. Logo fun a Huelva, tampouco foi unha carreira moi boa e entón dixen ‘madre mía, tanto correr e tanto adestrar para despois non poder facer nada’. Igual se me atragantou un pouco por non ser capaz de atopar a carreira», apunta a modo de análise o atleta con ficha do Barcelona.

Tampouco axudou non meterse na final do 1.500 da cita continental da súa categoría, algo que achaca a un erro táctico: «De confiarme, nada. Tacticamente equivoqueime un pouco na carreira e nos últimos metros chegou un italiano dende atrás e me pasou, nada máis. Catro centésimas. Como di o meu adestrador, está ben correr pero sempre fai falta un pouquiño de sorte e non me acompañou».

Ese momento xa está pasado. En idade sub-23 Adrián Ben quere aproveitar agora a oportunidade para seguir crecendo. Agárdalle o mundial máis otoñal da historia.