Ata o de agora foron test; empeza o que de verdade importa

José Luis Abadín

DEPORTES

Enric Fontcuberta

14 mar 2019 . Actualizado á 05:00 h.

Comentabámolo no previo da pretemporada. O que máis ía cambiar eran os nomes dos pilotos e, en parte, así foi. Os cambios na xerarquía de equipos na fórmula 1 vai ter que agardar á modificación das regras máis radical que chegará no 2021. De momento, Mercedes e Ferrari son o grupo de cabeza, quizais sendo Ferrari a máis rápida, con Red Bull á zaga. Logo, o grupo medio con todos os demais, fóra de Williams que, ou cambian moito as cousas, ou pinta moi mal para eles. Perdéronse os primeiros días de test por non ter o coche listo e vanlle crecendo os ananos con moitos máis problemas. Non pinta nada ben o mítico equipo liderado pola filla de sir Frank Williams, Claire.

Este ano introducíronse cambios na aerodinámica dos coches. Ata o de agora, era moi complicado seguir a outro coche. O monopraza de diante creaba un aire turbulento que non permitía ao perseguidor ter apoio aerodinámico, o que impide achegarte tanto e, por tanto, complicaba os adiantamentos. Coa nova norma buscábase reducir ese efecto do aire turbulento e, de paso, agardaba que os coches fosen máis lentos. O primeiro descubrirémolo a partir da segunda carreira, xa que Melbourne é un circuíto peculiar. Pero o de que son máis lentos… só nos primeiros días de test. Os equipos conseguen mellorar os coches cada vez que saen a pista e facer máis efectivo o paquete. Polo que acabarán sendo aínda máis rápidos que a tempada pasada, moi probablemente.

Ademais, esta fin de semana estrearase unha regra nova, que é que as voltas rápidas van valer un punto, se o piloto que o consegue acaba entre os dez primeiros. É algo interesante, que seguro que vai facer que se busque lograr esa volta boa a final de carreira, cando o depósito está xa baleiro. Vai vir moi ben á fórmula 1 e vén contrarrestar un pouco ese conservadorismo en carreira, coidando o material. Con esta regra, por exemplo, Felipe Massa sería campión do mundo no ano 2008, cando Hamilton adiantou a Timo Glock na última volta e logrou así o seu primeiro Mundial. Aínda que tamén é certo entón as vitorias valían dez puntos, non os 25 de agora. É un bo paso por parte da competición.

Para esta fin de semana, probablemente teñamos unha loita titánica na cabeza entre Hamilton e Vettel-Leclerc. E dígoo así, por que o monegasco, non vai ser o segundo piloto de Ferrari. Vén con moita forza e Vettel vai ter que sacar o mellor de si mesmo para contrarrestalo.

Detrás temos a Verstappen e Gasly con Redbull e Honda, onde os nipóns lograron un motor máis potente, aínda que a sombra da fiabilidade lles persegue. Desde a marca das bebidas enerxéticas só válelles gañar. Tiveron unha pretemporada movida, cos accidentes de Gasly, pero se os xaponeses logran esa fiabilidade, estarán na loita.

Ata o de agora, todo foron test e o que de verdade vai importar é a partir do venres. Agardemos que sexa unha tempada en grao sumo rifada.

@JoseLuisAbadin é piloto galego de fórmulas