Só son probas

José Luis Abadín

DEPORTES

Alejandro García

08 mar 2018 . Actualizado á 18:23 h.

Os tests de fórmula 1 son probas, e hai que tomalo como o que son. Non se lles pode dar a máxima importancia aos tempos xa que nos faltan moitos datos, non sabemos a carga de combustible real, non sabemos realmente a diferenza entre os compostos de Pirelli, e por tanto non podémonos pór a facer cábalas do que nos atoparemos no primeiro Gran Premio en Australia. Aínda que se que podemos empezar a ver algunhas cousas que si teñen a súa importancia.

Aínda que algo que esta claro é que Mercedes segue sendo o rival para bater, cun deseño continuista do seu monopraza e co mellor propulsor, será difícil que o campión non sexa un piloto das frechas de prata, aínda que agardo equivocarme e que haxa un campionato moito máis igualado.

Para os españois temos un ano de cambios, será o primeiro completo de Carlos Sainz nun equipo oficial, e o seu compañeiro é un óso duro, Nico Hulkenberg, e se o logra bater será un grande éxito e un grande empuxón na súa carreira deportiva. O obxectivo de Renault é o de lograr o cuarto posto entre os construtores e optar aos podios. En canto a McLaren é o ano da verdade, este ano non hai escusas co motor xa que Honda será un rival con Toro Rosso, así que toca referendar os argumentos dos tres anos pasados e demostrar que tiñan razón en que estaban lastrados polo motor xaponés. McLaren non está a ter unha pretemporada moi fiable, pero sempre é mellor que haxa problemas nestas probas e non nos GP. Hai que darlles un voto de confianza e ata que pasen as 3 primeiras carreiras non se pode facer unha valoración real.

Nos test os equipos non paran de tomar datos, de comprobar que todo o que simularon e traballaron no túnel de vento e en fábrica correspóndese coa realidade, polo que moita parte do traballo é co coche capado para tomar datos. De aí vemos moitos coches coa parafina e con eses anciños aéreos que levan no lateral nalgunhas quendas para comprobar o efecto aerodinámico. Case todos os equipos terán un monopraza evolucionado para Melbourne, así que teremos que agardar ata a primeira carreira onde todos os equipos porán toda a carne no asador.