Os dez paradones do ano

Israel Remuiñán / C.R REDACCIÓN

DEPORTES

A intervención do barcelonista Ter Stegen ante o Bayern Múnic na volta de semifinais da Champions League levouse a palma. Repasamos as outras nove paradas nomeadas

27 ago 2015 . Actualizado á 19:30 h.

Partido de volta de semifinais da liga de Campións, o Allianz Area acollía un encontro no que os bávaros buscaban unha remontada que, de producirse, pasaría á historia. O conxunto de Guardiola sae á contra con moita rapidez, Thiago Alcántara conduce o balón e decide xutar, o seu disparo é repelido pola defensa catalá e o rexeite cae nos pés de Lewandovsky. O polaco non llo pensa e remata de socato. Pero aí estaba, baixo paus, o alemán máis odiado do país nese momento. Stegen sacaba unha man espectacular cando a forza da gravidade impulsaba o seu corpo cara ao lado contrario. Pero a bóla se envenenaba de novo no seu intento por cruzar a liña, ao que o gardameta respondía repóndose con moita axilidade e expulsando o balón dun lapote lonxe da liña de gol.

O Barcelona superou esa eliminatoria, xa encarrilada na ida, e non sufriu excesivamente para ser campión semanas máis tarde na capital dese mesmo país. Berlín acollía a un equipo campión. Stegen, o mozo cérbero reservado para as copas, xa ten hoxe o seu primeiro galardón individual coa camiseta do Barça, o seu paradón foi escollido tras a votación na páxina web da UEFA como a mellor intervención da tempada. 

O alemán impúxose co 28% dos votos ao seu compatriota Manuel Neuer. O gardameta do Bayern levantouse ata a segunda praza, conquistando un de cada cinco votos polo seu paradón contra a Roma na cuarta xornada da Champions

A terceira posición foi para Gianluigi Buffon. O italiano fixo todo o posible por evitar a vitoria azulgrana na final de Berlín, pero non foi quen de augar a festa dos españois. Rakitic, Luis Suárez e Neymar perforaron as mallas da súa portería... aínda que minutos antes, a bancada rendíase ao bianconeri. Un trallazo de Alves non era capaz de bater a Buffon, que lograba unha das mellores paradas do ano. 

Thibaut Courtois conseguiu a cuarta praza, tras acaparar o 11 % dos votos. Prorroga no partido de volta de cuartos de final da liga de Campións, o Chelsea gañaba por 3-2 no global a un PSG, que buscaba a heroica tras a expulsión de Ibrahimovic. Thiago Silva consegue rematar con forza un saque de esquina cara á dereita do belga, pero este estírase de forma espectacular logrando que o balón non atravese a liña. No entanto, as intervención do ex atlético non foi suficiente para pasar a eliminatoria. Os parisienses anotaron os terceiro minutos máis tarde e o valor dobre dos goles a domicilio fixo o resto. 

Joe Hart converteuse en gato no Camp Nou. O porteiro do Manchester City intentou manter ao seu equipo con vida ata o último momento. A súa parada de reflexos ante Messi non foi capaz de desbaratar o pase do Barça, e o gol de Rakitic supuxo a eliminación dos ingleses. O porteiro do City logrou o 7% dos votos para entrar no top 5.

Pero estas cinco non foron as únicas intervencións dignas de entrar no ránking da organización presidida por Platini. A parada de Sergio Rico a man cambiada na final da Europa League, a resposta do porteiro do Dnipro no mesmo partido, a intervención do danés Schmeichel para defender a portería da súa selección contra Serbia, os reflexos do seu compatriota Busk no Europeo Sub-21 para evitar unha goleada teutoa e o paradón do cérbero do Shakhtar nas semifinais da Uefa Youth League tamén tiveron un oco entre as accións nomeadas.