O filme de Eloy Enciso «Todo es cárcel» estréase no festival de cine documental de Marsella
CULTURA
Aborda a existencia de máis de 200 campos de concentración en España
01 jul 2026 . Actualizado a las 21:32 h.O novo filme de Eloy Enciso, Todo es cárcel, terá a súa estrea mundial o próximo 8 de xullo na competición internacional do Festival de Cine Documental de Marsella (FID Marseille), que se celebra entre os días 7 e 12. Rodada en distintas localizacións da Península —en castelán e en galego—, Todo es cárcel [Letters from an inner exile, no seu título internacional] está producida por Umbracle Cine e Filmika Galaika. O traballo é unha ficción con espírito documental na que conflúen, avanza a produtora, «a memoria colectiva dun país e a vivencia individual dos seus protagonistas», despregando varias capas de narración —detalla— xunguidas polo relato dunhas cartas reconstruídas a partir de testemuños reais de superviventes dos campos de concentración franquistas. Nese sentido, aborda un episodio pouco tratado pola cultura democrática: a existencia de máis de 200 campos de concentración en España polos que pasaron arredor dun millón de prisioneiros, subliña.
Resultado dunha fonda investigación realizada a través de estratexias híbridas que combinan ficción e documental, a cinta está protagonizada por actores non profesionais. Enciso explica que con este traballo busca «explorar o trauma do franquismo non só como feito histórico, senón como unha cicatriz que herda a nosa árbore familiar en forma dunha especie de correntes subterráneas.
Para fuxir dos lugares comúns do cine de campos de concentración que temos visto todos, apostamos por unha proposta narrativa inédita que evita o psicoloxismo tradicional… Interesábanos usar o cine para retratar o chamado franquismo sociolóxico a través dos silencios cotiáns, as paisaxes mudas e a intimidade, amosando que o fascismo convive con nós a unha escala tanto colectiva coma individual».