Reitora

Juan L. Blanco Valdés BÁGOAS DE CROCODILO

CULTURA

A reitora da USC Rosa Crujeiras.
A reitora da USC Rosa Crujeiras. PACO RODRÍGUEZ

19 abr 2026 . Actualizado a las 19:59 h.

Malia que as lecturas xa se confunden nesta cabeciña, creo lembrar un parágrafo de Chesterton no que este (ou algún dos seus personaxes) dicía sentir unha desconfianza sistemática cara ás institucións exclusivamente masculinas, nomeadamente, na época do autor, o clero e o exército. Dous milenios de patriarcado e a furibunda misoxinia do catolicismo e o islam serviron para afastar toda presenza feminina dos centros do poder no devir da historia occidental. Algo, creo, intrinsecamente absurdo, pois falamos da metade da poboación do mundo, metade que, por certo, se encarga da perpetuación da especie, ademais de manifestar unha intelixencia pragmática, en moitos respectos de maior peralte que o pensamento masculino, afeito xeneticamente a unha competitividade basal. Durante anos, pertencín á xunta directiva de certa organización na que era maioría o elemento feminino. Nunca, aseguro a vostede, participei nunha corporación onde a toma de decisións fose tan rápida e tan notable a ausencia de debates estériles. —Pois claro!, dicíame unha colega. —Ao que remate a reunión, teño que chegar á casa, poñer lavadoras, organizar a cea e o xantar de mañá, á parte de preparar as aulas da semana, así que pouca discusión e ¡aire! En certa ocasión, no Parlamento británico o líder whig James Corbyn chamou stupid woman á premier Theresa May e os tories, ventando o sangue, botáronse a el coma lobos tachándoo de sexista. Chamar a unha muller estúpida é, ao meu xuízo, tan sexista como que unha muller chame estúpido a un home. Entendo que cando Corbyn dixo da inquilina de Downing Street que é estúpida referíase á súa intelixencia non á súa condición de muller. Todo argumento levado ao seu límite, ou mesmo invadindo o territorio do excesivo, é perigoso. Por iso Chesterton sospeitaba de entes tan conservadores e masculinos. Crer que, de seu, a mera condición feminina engade a todo un plus de positividade é de certo un exceso. Ora ben, cando a capacidade, o rigor e a intelixencia se expresan en feminino creo que se adianta moito camiño. Unha reitora rompe, por vez primeira, cinco séculos de mando masculino na Universidade de Santiago. Sopran en Fonseca aires de cambio e ilusión, un xeito novo de facer as cousas.