Lembranza de Laxeiro

CULTURA

Laxeiro, retratado no seu estudio de Lalín en 1931.
Laxeiro, retratado non seu estudo de Lalín en 1931. Fundación Laxeiro

07 feb 2026 . Actualizado á 05:00 h.

Oupintor galego Xosé Otero Abeledo, universalmente identificado como Laxeiro, segue a representar a vangarda máis recoñecida da pintura galega, xunto con Manuel Colmeiro, Urbano Lugrís, Luis Seoane, Carlos Maside, Manuel Torres e Cándido Fernández Mazas, entre outros forxadores da chamada estética do granito.

Era a primeira gran xeración de pintores galegos que confrontaron co que se facía en París, en Madrid ou en Barcelona, protagonizando así un movemento renovador da arte galega antes da Guerra Civil. Laxeiro foi o artista por excelencia de entre os seus coetáneos e a súa obra é a expresión máis ampla da pintura galega do século XX.

A biografía de Laxeiro está chea de «vivencias internacionais», primeiro en Cuba a partir dos 13 anos e despois en Argentina nunha moi longa estadía. Regresou a España en 1970 e montou o seu estudio en Madrid, amais do popular café Gijón, que era moi frecuentado por escritores, intelectuais, pintores e actores.

Probablemente foi Luis Caruncho quen primeiro se decatou da dimensión vangardista da pintura de Laxeiro, manifestando que o autor lalinense era «sen dúbida o renovador da plástica galega do século XX, o artista da nosa terra que mellor soubo sintetizar a tradición visual». O que nos foi levando á consideración xeral de que «Laxeiro é o máis internacional dos pintores galegos».

A Fundación Laxeiro foi constituída en Vigo en 1999 para custodiar, conservar e difundir a colección que o pintor Xosé Otero Abeledo (1908-1996) lle doou á cidade. Unha colección formada por 64 obras, moitas delas auténticas xoias da arte galega do século XX. Ao cabo, unha colección permanente que posibilita un completo percorrido pola traxectoria profesional do pintor.

Laxeiro marcou a diferenza ao revelarse contra o rexionalismo estético que tanto amaba a burguesía galega do seu tempo. O pintor faleceu no verán de 1996 e con el finou unha maneira de entender a arte. Foi, en suma, un neohumanista que contribuíu a entender e facer entender a alma de Galicia.