Fin de Ano

CULTURA

Detalle do mecanismo do reloxio da madrileña Porta do Sol, listo para as tradicionais badaladas de Fin de Ano.
Detalle do mecanismo do reloxio da madrileña Porta do Sol, listo para as tradicionais badaladas de Fin de Ano. Victor Lerena | Efe

30 dic 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Outro ano máis vai esvaecendo, e, como é habitual, ese ciclo vital conclúe o día 31 de decembro do calendario gregoriano. Esta forma de medir o noso paso polo mundo foi establecida polo papa Gregorio XIII no ano 1582 para corrixir os desaxustes acumulados durante séculos. O sistema baséase no movemento de translación da Terra arredor do Sol, un periplo que marca o ritmo das nosas vidas. Desde aquela, nos países que adoptaron este sistema, o Fin de Ano coincide sempre na mesma data. Porén, o xeito de entender este tránsito non sempre foi o mesmo.

A orixe desta tradición remóntase a épocas remotas, onde a medición do tempo estaba vinculada aos eventos agrícolas e astronómicos. O rexistro máis antigo dunha celebración similar data da antiga Mesopotamia, uns 2.000 anos antes de Cristo. Tratábase do Akitu, unha festividade que marcaba a primeira lúa nova despois do equinoccio de primavera, simbolizando o renacer da natureza. Non obstante, o concepto moderno de Fin de Ano comezou a debuxarse no 46 a. C., cando o emperador romano Xulio César estableceu o calendario xuliano. Baixo o seu mandato, o 1 de xaneiro foi fixado como o inicio do ano en honra a Xano, o deus de dúas faces que mira cara ao pasado e cara ao futuro.

A pesar do avance que supuxo o sistema xuliano, este non contemplaba con exactitude a duración real do ano solar, o que provocou un desvío progresivo de dez días co paso dos séculos. Foi entón cando a reforma gregoriana axustou o cálculo dos anos bisestos, dándolle a precisión que hoxe coñecemos.

Na actualidade, é unha das celebracións máis potentes de Occidente. Alén das uvas ou as badaladas, a Noitevella simboliza un ritual de pasaxe: o peche dun ciclo e a renovación das expectativas de prosperidade. É o momento no que facemos balance do vivido e proxectamos os nosos desexos cara a un tempo novo que agarda, cargado de esperanza, tras a última badalada da medianoite. A min sempre me gustou celebralo en familia e na casa, compartindo mesa, música e conversa coas persoas máis queridas. Iso si, desde hai anos deixei de tomar as uvas; tras a cea, empecei a notar que non me sentaban especialmente ben e, para que comezar o ano con mal corpo?