Asinado por Roberto Fernández Álvarez, «A arte de non morrer. Antropoloxía da lonxevidade galega» combina rigor científico con afán divulgador sobre un dos grandes retos das sociedades avanzadas
29 dic 2025 . Actualizado á 14:41 h.Pola súa proposta ligada profundamente á actualidade, pola combinación entre rigor científico e prosa de calidade e pola capacidade de ganduxar saber antropolóxico e filosófico, o texto A arte de non morrer. Antropoloxía da lonxevidade galega vén de gañar a XXV edición do premio Ramón Piñeiro de ensaio.
O galardón recae nesta edición en Roberto Fernández Álvarez (Ourense, 1967) por un ensaio que, segundo salientou Armando Requeixo, secretario e voceiro do xurado, aborda dende o «fondo coñecemento médico» (exerce a medicina en Allariz) un tema de absoluta actualidade como é o do envellecemento da poboación e que cambios sociais e culturais ten producido esa lonxevidade.
«É un tema que ten enorme trascendencia no ámbito político, xa que a terceira idade é unha poboación, de peso. Tamén na sanidade e no ámbito social», salientaba o coordinador científico do Centro Ramón Piñeiro, Manuel González, logo de facerse público o fallo do xurado.
Coa previsión de saír do prelo a vindeira primavera, o ensaio conta unha «prosa de gran calidade, fondamente discursiva e cun pulo divulgativo á vez que rigoroso polo informado, formado e pola fondura científica», á vez que relaciona un mundo especializado coa cultura socializada e está pespuntado con citas de autoridade literaria e artística.
O ensaio é obra dun narrador, xa que Roberto Fernández Álvarez foi gañador do Premio Blanco Amor de Novela por A inmoral doutora Cons e vencedor do premio Vicente Risco de Ciencias Sociais do 2017 polo texto Enfermos pobres, médicos tristes.
«Nos últimos anos houbo un aumento considerable no número de orixinais, o que quere dicir que a reflexión e o pensamento están nun momento vizoso», salientaba na conferencia de prensa para anunciar o texto gañador o director de Galaxia, Xosé Manuel Soutullo. Precisamente, a editorial tiña no seu momento un premio que nacera de Grial (cando Carlos Casares estaba á fronte) que tiña como obxectivo premiar a reflexión sobre o tempo actual. Ese premio rematou fusionándose co que creara o Centro Ramón Piñeiro, dando lugar ao actual galardón. Diso xa se cumpren 25 anos.
«Hai que salientar a cantidade de médicos que formaron parte constitutiva da cultura galega», subliñaba Valentín García, secretario xeral da Lingua. Agromaban entón nomes como Eduardo Pondal, Castelao, Leiras Pulpeiro ou García-Sabell, nomes que «forman parte do noso acervo cultural que destacan por esa dobre faceta de parte social e humanística».