«Darío Xohán Cabana foi o último poeta que coñeceu o "galego eterno"»

HÉCtor J. Porto REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; o editor Henrique Alvarellos; Alexandra Cabana, filla do poeta de Cospeito; e o escritor, académico e ensaísta Anxo Angueira, que preparou a edición da poesía de Darío Xohán Cabana, na presentación da obra no Vello Cárcere de Lugo. Detrás, imaxe dun Darío mozo participando nun recital en 1978.
Ou secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; ou editor Henrique Alvarellos; Alexandra Cabana, filla do poeta de Cospeito; e ou escritor, académico e ensaísta Anxo Angueira, que preparou a edición dá poesía de Darío Xohán Cabana, na presentación dá obra non Vello Cárcere de Lugo. Detrás, imaxe dun Darío mozo participando nun recital en 1978. Óscar Cela

Anxo Angueira recompila para Alvarellos toda a poesía do autor da Terra Chá editada de xeito independente e xa prepara outro volume con pezas dispersas e inéditas

17 dic 2025 . Actualizado á 05:00 h.

«Son quince libros publicados en vida, que ocupan un volume de máis de 740 páxinas, no que se recollen máis de 450 poemas... Semente de mencer é un proxecto de grande ambición editorial. A obra única dun poeta monumental», resume con evidente orgullo o editor Henrique Alvarellos, que cre que o traballo tenta estar á sinalada altura do autor, Darío Xohán Cabana (Roás, Cospeito, 1952-Romeán, Lugo, 2021), e lembra como se puxo en marcha grazas ao empeño e a colaboración da viúva, Amelia Outeiro, e a filla, Alexandra Cabana, e o decidido apoio da Secretaría Xeral de Política Lingüística. Semente de mencer, subtitulado Obra poética I. Volumes editados, 1970-2006, presentouse onte nun encontro no recuperado Vello Cárcere de Lugo que agradaría ao protagonista.

Alvarellos quixo enxalzar o labor académico e investigador que hai detrás desta publicación, o imprescindible traballo de estudo, análise, introdución e notas aos poemas debido ao poeta e ensaísta Anxo Angueira, «a persoa perfecta para abordar tal empresa». Que xa prepara, por certo, a edición do segundo volume —«tamén de dimensión considerable»—, que se ocupará dos poemas dispersos (en coleccións, antoloxías, cadernos, revistas, etcétera) e inéditos.

«Darío Xohán Cabana foi o último poeta que coñeceu o galego eterno —di Angueira—, o vocabulario antigo, a lingua dos labregos, que xa se perdeu. E iso percíbese na súa poesía. Todo o maxisterio dun home que tiña unha idea non ríxida, aberta, libre da lingua, que posuía unha lingua millonaria». Non haberá outro como Darío Xohán Cabana, un escritor co seu coñecemento, tan rico e diverso. «Darío era un poeta dunha envergadura extraordinaria», insiste para admitir que hoxe dificilmente se lle concede o lugar que merece «a grandeza do seu traballo poético».

Seguramente, acepta, como autor tan prolífico, é máis coñecido polas súas novelas, algunhas tan relevantes —anota— como Morte de rei (1996) e Galván en Saor (1989). Pero é, se se pode dicir, sobre todo poeta, un poeta que medra a partir das obras de dous dos seus máis venerados referentes en Galicia, Xosé Luís Méndez Ferrín e Manuel María, paisano ademais da Terra Chá ao que deu relevo na Real Academia Galega ao ocupar a cadeira que deixou vacante co seu pasamento.

Porén, quere Angueira, poñer de relevo unha faceta clave na traxectoria literaria de Darío Xohán Cabana, do que afirma que «dialogou, como ningún outro poeta galego contemporáneo, coa poesía europea». Ese camiño medra especialmente a partir da súa tarefa —longa no tempo— como tradutor do italiano, desde o seu estudo das obras de Petrarca e Dante, e San Francisco de Asís, pero tamén doutras linguas como o francés. E rememora a temperá tradución que realizou, sendo apenas un rapaz, do poema de Paul Éluard Liberté, ou as dos trobadores occitanos.

Na súa obra, detalla Angueira, conflúen augas de canles tan diferentes como a propia historia da lingua galega, o acervo medieval, os clásicos, o máis contemporáneo e a lingua viva popular, «un manexo só ao alcance de grandes mestres como Cunqueiro, Rosalía de Castro e Manuel Antonio», subliña o académico.

«Semente de mencer», 15 libros, máis de 450 poemas

O volume do selo Alvarellos recolle os 15 poemarios publicados en vida por Cabana de xeito independente e orixinal. Anxo Angueira traballa xa na edición dun segundo tomo que reunirá —para o outono do 2026— poemas aparecidos de forma dispersa e inéditos.

Das encrucilladas políticas da Galicia contemporánea e as máis atemporais do ser humano

«Con Darío Xohán Cabana estamos diante dun poeta de gran voo, un escritor total —proclama Anxo Angueira—, non é só o que escribe, senón como o escribe. Porque mantén unha visión dinámica da lingua que, por certo, ás veces se bota en falta neste tempo actual». O mesmo cando se viste de sonetista petrarquista que cando aborda un soneto de gran carga política ou social, prosegue: «O Vigo do metal, as folgas do 72, os poemas de amor, eróticos, e non falo dun erotismo, digamos, convencional, falo dun erotismo vivo, materialista, porque Darío é un poeta materialista», asegura.

Xa no limiar do volume, Angueira volve sobre esta idea: «Poboada de flores de aceiro e en galego literario rico, aberto e poderoso, a poesía de Darío, ollada desde hoxe, convídanos a facer memoria das grandes encrucilladas políticas da Galicia contemporánea, especialmente as que el viviu en primeira persoa. Pero tamén nos leva ás grandes encrucilladas atemporais do ser humano, aquelas que o presentan diante do amor e mais da morte, diante da angustia e da esperanza, diante da liberdade aferrollada e da semente de mencer».

A súa escrita marcou a súa traxectoria vital, viaxe que se pode interpretar tamén de volta: «A poesía organizou toda a súa vida literaria de tal xeito que concibimos a monumental obra de Darío como a dun poeta constante e sen descanso», explica para detallar como a obra traza un percorrido —desde Verbas a un irmao (1970) ata Cabalgada na brétema (2006)— que «comeza con moita esperanza, na semente do mencer, nunha roxa alborada, para camiñar cara unha posición moito máis pesimista, tamén co futuro da patria, e cunha grande presenza da morte, sobre todo, despois do falecemento do pai».