A artista presenta o espectáculo «Manhe» no Teatro Colón da Coruña cun concerto único
19 nov 2025 . Actualizado a las 15:00 h.Dous mundos que na historia transcorreron por vías separadas. Por un lado, a música de tradición oral. Por outro, a de cámara. Fransy González (Grenoble, Francia, 1972) quere unilos en Manhe, o proxecto que leva o domingo 23 á escena (A Coruña, Teatro Colón, 19.00 horas, desde 13,60 euros) nun recital único. «O proxecto nace precisamente do desexo de unir eses dous mundos que para min comparten a mesma emoción: a raíz viva da tradición e a elegancia atemporal dunha grande orquestra», explica a artista. En lugar de falar de fusión, prefire sinalar «un encontro» dun modo poético: «É o latexo de Galicia abrazado pola sonoridade universal das cordas. Unha ponte entre a raíz e o horizonte».
Había nesta veterana cantareira —arteixá, pero totalmente marcada no musical polo que absorbeu durante anos na comarca de Bergantiños— un desexo: «Prestixiar a nosa música tradicional e colocala nun lugar que sempre lle pertenceu». Para iso, a artista estará acompañada por Pedro Lamas e a Orquestra de Cámara Galega. «Atrevémonos todos a soñar», ri Fransy, quen na promoción define o proxecto como «a peito descuberto». Que quere dicir con iso? «Levo 40 anos cantando e acabo de pasar por un momento persoal duro, a morte do meu pai. Iso levoume a tomar decisións. Quería cantar para transmitir o que as mestras anónimas me ensinaron desde pequena. Ata agora daba clase de pandeireta, e déixoo para dar ese paso no que vou mostrar o que sinto e levo dentro, a peito descuberto».
Fransy non coñece unha vida desligada da música tradicional galega. «Empecei en Xiradela con 7 ou 8 anos —lembra—. Son unha das socias fundadoras. Aos 13 anos xa estaba coas recollidas de campo. E todo o que fixen na miña vida foi cantar e tocar a pandeireta». Agora sente que dá un paso transcendental na súa vida artística: «A Pedro Lamas coñecino na docencia hai anos, pero agora quixen facer outra historia. Queremos mostrar que hai outra maneira de achegarse á música tradicional sen perder a raíz». Se por un lado aparecen mesturas con pop e músicas urbanas, aquí ofrécese outra mirada. «É marabilloso que a xente nova se interese pola raíz. É un gran mérito das asociacións. Cada vez hai máis nenos e nenas que queren aprender a tocar a pandeireta e que queren bailar», di.