
Hai uns días, tiven o privilexio de asistir a un concerto de Capercaillie na Coruña. Un dos grupos máis emblemáticos do folk escocés, regresaba á para nos ofrecer os temas máis recoñecibles da súa extensa traxectoria. Nun Teatro Colón ateigado, a súa música, que mestura a tradición celta con sons modernos, encheu o ambiente de maxia. Mentres me deixaba levar pola música, púxenme a pensar no nome da banda. Capercaillie en gaélico escocés, lingua da maioría dos seus temas, significa «pita de monte» ou urogallo. Un nome que, para min, evoca unha lembranza moi persoal: a voz do meu avó falando destas aves e da súa presenza na Serra de San Mamede, no macizo central ourensán. Aquelas palabras do meu avó, cheas de nostalxia e respecto pola natureza, contrastaban tristemente coa realidade actual.
Hoxe, a pita de monte está practicamente extinguida en Galicia. A súa precaria supervivencia é o resultado da acción humana: a perda de hábitat polo abandono rural, a mingua de bosques autóctonos, os incendios forestais e a fragmentación do territorio. Falamos dunha especie que, como gran medidor da biodiversidade, alértanos da fraxilidade dos nosos ecosistemas.
A pita de monte é unha das aves máis grandes da súa clase, un animal espectacular. Os machos, de gran tamaño, teñen unha plumaxe escura con reflexos metálicos, unha barba de plumas e unha rechamante carúncula vermella sobre o ollo. As poucas especies que poden quedar en territorio galego estarían nas serras orientais dos Ancares e do Courel.
Sería fundamental aplicar políticas de conservación efectivas, coma as que inclúe o Plan de Recuperación do Urogallo e outros proxectos similares, nas que Galicia debería participar activamente, e coas que se busca protexer o seu hábitat e poñer en marcha proxectos a prol da súa defensa e mantemento. Que a posibilidade de que estas aves estean onde lles corresponde por orde natural non se perda, e que nunca desaparezan da nosa terra.
Así que, grazas, Capercaillie, por traer coa vosa música unha lembranza tan importante: a necesidade de protexer o noso patrimonio natural, e que as nosas pitas de monte, símbolos naturais de Galicia, nunca deixen de cantar.