Ortigueira

Bieito Romero
Bieito Romero Ou SON DO AR

CULTURA

Gaiteiros no Desfile das Nacións Celtas do Festival de Ortigueira
Gaiteiros non Desfile dás Nacións Celtas do Festival de Ortigueira KIKO DELGADO

22 jul 2025 . Actualizado á 05:00 h.

Aínda que poida semellar doutro xeito, non son un asiduo ao Festival do mundo Celta de Ortigueira. E coméntoo porque moita xente cando fala comigo é das primeiras cousas que me pregunta: «E logo non vas, ou non fuches ao festival?» Pois a realidade é que agora, nin a ese nin a outros moitos onde se dean grandes aglomeracións; supoño que a idade ten algo que ver. No caso do Festival de Ortigueira, creo que das 39 edicións celebradas, debín participar en seis das que tres ou catro foron para tocar. E debo recoñecer que sempre o pasei francamente ben. Sendo músico e amante deste tipo de estilo é un deses lugares onde se pode gozar a fondo do que alí acontece tanto improvisadamente coma nos propios escenarios. Alí non é difícil que se artelle unha sesión espontánea formada por todo tipo de persoas e instrumentos nos que os do ámbito celta son os protagonistas. Gaitas galegas e asturianas xunto con todo tipo de percusións como tambores, bombos, pandeiros, cunchas ou tarrañolas. Uillean pipes, tin whistles, arpas ou bodhrans de Irlanda, Highland pipes e tambores de alta tensión escoceses, Binou kozh e bombardas bretoas ademais de acordeóns, violíns/fiddles, frautas traveseiras, de pico etcétera. Forman parte do instrumental que en moi variadas combinacións da sentido a este encontro que xa se converteu no máis importante da Península Ibérica e atrévome a dicir que está entre os mellores a nivel internacional. Alén da música que é o principal, aínda se pode respirar un certo ambiente de irmandade intercéltica entre as diferentes xentes que alí se congregan,. Algo que é de agradecer neste mundo que nos toca que tende a afastarse da humanización e da convivencia fraternal. Así, neste ano 2025 volvín pasear polas rúas de Ortigueira e de novo gocei da contorna paradisíaca do lugar así como das xentes e as músicas. Fun testemuña de que esas raíces das que moitos dos nosos devanceiros nos teñen falado seguen vivas e unha vez máis sentín o deber de presérvalas e transmitilas. Un luxo poder ter na nosa terra un evento destas características que se lle debe agradecer a moita xente pero en especial á Escola de Gaitas de Ortigueira que neste 2025 cumprían o seu 50.º aniversario. Parabéns e longa vida!