
Sempre me chamou a atención que España fose un dos países europeos con máis superficie forestal en termos absolutos. Debemos ter en conta a distinción entre superficie forestal e bosque, que, aínda que están estreitamente relacionados, non son exactamente o mesmo. Superficie forestal é un termo que abrangue áreas de matogueira, monte baixo, arboredo disperso e mesmo bosques que neste caso definiríanse como superficies con alta densidade de árbores con características propias. En superficie forestal, España ocupa o terceiro lugar por detrás de Finlandia e Suecia. Iso non quere dicir que coincida que a maior parte do seu territorio sexa verde, xa que neste aspecto e con menos árbores están por diante países como Dinamarca, Suíza ou Irlanda.
No terreo da sostibilidade, aínda que se mellorou moito, España sitúase moi por debaixo de países como Finlandia, Alemaña, Noruega ou Austria. O que si lidera é a capacidade de reforestación a nivel europeo nos últimos anos chegando a ter na actualidade un 37% da súa superficie cuberta de árbores. Este aumento entre causas variadas, tamén é debido ao abandono do medio rural e ao conseguinte desleixo das terras de gandería e labradío.
Na actualidade, as grandes masas boscosas sitúanse no norte do Estado, dende os Pirineos, todo o Cantábrico, ate o noroeste con Galicia como unha das comunidades de máis masa forestal. Polo miúdo, son Galicia, Castela e León e Andalucía, unhas por concentración e outras por territorio, as que máis masa arbórea acumulan, pero se ampliamos un pouco máis a visión atopámonos especificidades que, dende a miña perspectiva, son ben curiosas como que a provincia de Cáceres é a que máis masa forestal ofrece de todo o Estado. Claro que se trata dunha das máis grandes en extensión, cunha superficie que é máis da metade da propia Galicia, e tamén están Badaxoz, Cuenca ou Huelva con masas forestais ben abondosas.
Da nosa terra temos Lugo como a provincia con maior concentración de frondosas rexistradas da Península e A Coruña, destacando entre as primeiras pola densidade de bosque no noroeste peninsular. Xa outra cousa é reparar no tipo de árbores e a probable carencia dunha biodiversidade acorde co ecosistema propio do Atlántico galego.