Epifanio Ramos de Castro

Xesús Alonso Montero
Xesús Alonso Montero BEATUS QUI LEGIT

CULTURA

Detalle da portada da edición orixinal de «Cen anos de literatura galega».
Detalle da portada da edición orixinal de «Cen anos de literatura galega».

11 jul 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

As persoas familiarizadas coa erudición literaria galega teñen noticia de Epifanio Ramos de Castro desde 1964, data na que o Círculo das Artes de Lugo editou o catálogo Cen anos de literatura galega do que el e mais eu somos autores. Recolle esta publicación as 2.149 fichas da exposición bibliográfica amosada no salón rexio do círculo en decembro de 1963, ano no que se cumprían cen anos da aparición de Cantares gallegos, de Rosalía de Castro, o libro —cómpre reiteralo máis unha vez— auroral da literatura galega moderna.

Epifanio Ramos (Zamora, 1924-Lugo, 2006), afincado na vella Lucus Augusti desde moi novo e catedrático de Francés no instituto feminino da cidade, era contertulio habitual do café Méndez Núñez, un faladoiro, segundo as xentes ben pensantes, de roxos. Alí o coñecín eu en 1960 e alí e fóra de alí o tratei durante os meus 16 anos lucenses. Acolléndome á linguaxe orteguiana, Epifanio foi unha circunstancia moi valiosa na miña vida, que lembro sempre con gratitude. Eu fago un breve retrato da súa personalidade intelectual no prólogo da edición facsimilar de Cen anos de literatura galega que acaba de publicar Arraianos, editorial dirixida por Aser Álvarez.

No faladoiro do Méndez Núñez coincidiamos acotío con Ramón Varela, presidente do Círculo das Artes, institución que neses anos asombrou pola súa actividade artística e literaria, sempre ás beiras da ilegalidade. Neste labor tivo o noso apoio sempre, nomeadamente o de Epifanio Ramos, quen chegou a publicar, na gloriosa institución, uns curiosos cadernos con traducións galegas de poemas franceses. Fóra do círculo, no seu instituto, creou e dirixiu a revista Rosalía, na que eu publiquei un artigo sobre semellanzas do castelán antigo e o galego moderno.

Tamén cita a Epifanio Ramos, no seu limiar á recente edición de Cen anos de literatura galega, o meu exalumno Manuel Celso Matalobos, que foi presidente do Círculo das Artes. Pouco despois, Ricardo Palmás, Epifanio Ramos e mais eu publicamos en Ediciós do Castro a primeira bibliografía de Castelao, que ofrecía ademais unha breve coroa poética ao Guieiro.