
O festival Atlántica organizou unha lectura ininterrompida durante nove horas
02 jul 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Atlántica, o festival de narración oral, fixo este martes honra ao seu nome e aproveitou que este 2025 foi declarado Ano Castelao —pola coincidencia do 75.º aniversario da súa morte— para organizar unha lectura ininterrompida da súa obra no Panteón de Galegos Ilustres durante nove horas
Cun fotocol co lema «Como dicía Castelao», no acto inaugural tomaron a palabra Rosario Álvarez, presidenta do Consello da Cultura Galega; Goretti Sanmartín, alcaldesa de Santiago; Francisco José Prieto Fernández, arcebispo da Diocese de Santiago; Valentín García, secretario xeral da Lingua; Antonio López, reitor da Universidade de Santiago de Compostela (USC), e Natividade González, responsable de cultura da Deputación da Coruña. Soledad Felloza, directora do festival, que cumpre trece edicións, foi a condutora do encontro.
Antes de que as autoridades invitadas desen lectura a textos escollidos do intelectual galeguista, Rosario Álvarez destacou que «aprendemos de Castelao en cada liña», unha reflexión que comezou a ser evidente nos minutos seguintes. De seguido, a poliédrica figura do intelectual rianxeiro, escritor, político e debuxante, estivo en todos os discursos, precedidos dunha fotografía oficial diante do sepulcro de Castelao, que destacaba sobre o resto do panteón grazas a unha iluminación especial.
Valentín García aproveitou a actividade organizada polo festival Atlántica para lembrar a importancia que Castelao ten para Galicia e a aposta cultural neste ano e que nestes momentos se materializa coa exposición Castelao. Mirar por Galicia, impulsada pola tecnoloxía dixital para así achegar facetas máis descoñecidas de Castelao. E Goretti Sanmartín lembrou o recoñecemento de Compostela ao galeguista dándolle o seu nome, Daniel Castelao, á recen inaugurada estación intermodal, un espazo que tamén acollerá unha exposición sobre Castelao. Pola súa banda, Francisco José Prieto, recoñeceu que malia que Castelao non era crente, se podían rescatar reflexións del como un home de fe, no seu caso, no home e en Galicia. E Antonio López subliñou que na obra de Castelao «recoñecémonos todos».
Chegado o momento das lecturas, Goretti Sanmartín leu un texto dun exemplar seu de Sempre en Galiza, a primeira obra que mercou del, no ano 1981, despois de ter contacto con outros escritos seus. A rexedora apostou por un texto que alude ao medio ambiente e á emigración, amosando así a vixencia do seu legado. Valentín García exerceu de estradense e lembrou un texto de Castelao sobre a terra da súa muller, Virxinia Pereira, sendo tamén o municipio no que pechou cun discurso a campaña a prol do Estatuto de Galicia de 1936.
Francisco José Prieto escolleu un texto sobre os cruceiros que tanto definen a Galicia máis alá de ser o principal símbolo cristiá. E Natividade González, que na súa primeira intervención lembrou ao Castelao máis político, patriota e defensor da lingua, elixiu un texto máis intimista e familiar de Os dous de sempre.
Nas seguintes horas, ademais de moitas persoas anónimas, estiveron representadas institucións como a Fundación Castelao, o Museo do Pobo Galego, o Museo de Pontevedra, a Real Academia Galega, a Academia Galega de Teatro, a Real Academia Galega de Belas Artes, así como o Concello de Rianxo e os consulados de Arxentina e Uruguai, países moi unidos á vida de Castelao alén mar.
Lectura constante e vixiada
As prazas para ler textos xa estaban pechadas antes do comezo do acto, pero iso non impediu que a igrexa de San Domingos de Bonaval recibise a numeroso público interesado pola iniciativa e que gozou da escoita, xunto cos habituais visitantes deste histórico espazo, moitos deles sorprendidos ao atoparse con esta aposta do festival Atlántica, que buscou as voces «dunha Galicia plural e creativa». E para garantir que a obra de Castelao estivese presente de xeito ininterrompido, a organización deste encontro incluíu na xornada a figura dos «garda-escoita», persoas voluntarias que garantiron a presenza de público de xeito constante durante toda a lectura.