
Barcelos é unha fermosa cidade situada no distrito de Braga no norte de Portugal. Un enclave histórico e monumental polo que pasa o Camiño Portugués de Santiago. As construcións tradicionais son de pedra granítica e o seu estilo arquitectónico, moi semellante a calquera cidade ou vila nobre galega. Non é en van que as nosas raíces e a nosa historia estean moi achegadas por non dicir que son as mesmas.
Eu tiven a oportunidade de estar en Barcelos en varias ocasións de visita e sempre a miña percepción foi a dunha cidade agradable, humanizada e moi hospitalaria. Alén de calquera das súas marabillas que se poidan desfrutar, hai unha singular que é a famosísima feira que se realiza todos os xoves no Campo da República. Un encontro social espectacular na que está considerada como a feira máis importante de Portugal, cunha antigüidade que supera os 600 anos.
Nela pódese atopar absolutamente de todo, e, aínda que os tempos foron mudando, hai unha figura simbólica que aparece recorrentemente na artesanía tradicional propia desta cita extensible a todos os recunchos da cidade. Estou a falar do coñecido galo de Barcelos, convertido en símbolo nacional portugués. E quen non tivo en Galicia un galo de Barcelos? Pois si, este galo está moi relacionado con Galicia grazas á lenda que narra o que lle aconteceu a un peregrino de orixe galega de paso por esta cidade. O peregrino foi acusado do suposto roubo dun xogo de cubertos de prata co que se ofreceu un banquete celebrado na vila.
El, en todo momento manifestou que era inocente pero así é todo foi levado ante a máxima autoridade da cidade que naquel momento compartía mesa e mantel con outros responsábeis civís. Estaban a cear galo guisado. O acusado expuxo a súa inocencia e engadiu que se decidían declaralo culpable, o galo do prato do mandatario ergueríase e cantaría tres veces. As risas entre os presentes foron sonadas mais logo de ser sentenciado culpábel o galo cantou diante do asombro dos presentes. O peregrino librouse da condena e aí naceu a lenda do galo de Barcelos como un xeito de manifestar simbolicamente a boa sorte, a honestidade e a xustiza.