Andrea Nunes Brión percorre o «Mapa da estría»

Tamara Montero
T. Montero SANTIAGO / LA VOZ

CULTURA

.

Presentou o seu novo poemario na Hosta das Chas, en Santiago, onde se rendeu homenaxe a María Salvado, impulsora de Chan da Pólvora e falecida en novembro.

29 jun 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Un fío, se cadra rosado, se cadra branco, vencella a xeografía emocional e a cartografía experiencial. Andrea Nunes Brións (Marín, 1984) percorre ese vieiro en Mapa da estría, o seu novo poemario, no que vai máis aló da autoficción para coser con eses fíos rosados e brancos experiencias afastadas, mais propias. Ecos de China e Guinea Bissau, e tamén de Vietnam, India, México ou Italia.

En Mapa da estría (Chan da Pólvora) a poeta e activista dá conta das ausencias, as incertezas, a precariedade ou o desafío das múltiples linguas e culturas que sinalan as novas coordenadas onde o amor se diversifica como acto de resistencia. «Ollemos a fenda que dá paso a estría que nos deixará a marca para sempre».

«Andrea Nunes traza neste libro un itinerario vital e poético, a poética da estría, o símbolo do corpo extenso que somos». Ana Romaní foi a encargada de conversar coa autora na presentación de Mapa da estría, na que Alba María acompañou á autora durante un recital no que camiñar amodo pola propia cartografía e tamén pola de outras moitas, esculcando nas identidades e axitando a creación de discursos para romper cos parámetros.

Andrea Nunes dedica o colofón do seu poemario a María Salvado, unha das impulsoras de Chan da Pólvora e da Horta das Chas, onde se celebrou a presentación de Mapa da estría e onde repousan as cinzas de Salvado, que faleceu o pasado mes de novembro.