Castelao, «entre nós» e «máis vivo ca nunca» da man da IA para achegar o seu traballo en prol de Galicia

CULTURA
Un proxecto inmersivo que pode verse no Gaiás ata o 11 de xaneiro recrea a figura e a voz do intelectual
26 jun 2025 . Actualizado a las 23:01 h.Cun sorriso e un aceno recibe Alfonso Daniel Rodríguez Castelao aos visitantes do Museo Gaiás que se queiran mergullar na súa traxectoria, non só naquela máis coñecida e pública que o converteu nun dos grandes referentes de Galicia, senón tamén na súa faceta máis íntima, desde os seus primeiros pasos por Rianxo ao seu discurso de Alba de Gloria o 25 de xullo de 1948 en Bos Aires, na foi a súa última gran intervención nun acto público. O proxecto inmersivo Castelao. Mirar por Galicia ten como obxectivo achegar ao presente ao intelectual galeguista a través dunha linguaxe contemporánea botando man da intelixencia artificial (IA), hologramas, videomapping e realidade virtual. Deste xeito, recréase tanto a súa figura, que cobra vida en varias ocasións, como a súa voz. Por primeira vez pódese escoitalo en galego despois de ser reconstruída a súa fala a partir do único rexistro sonoro do que se ten constancia e no que empregaba o castelán. O resultado é un Castelao «máis vivo que nunca», tal e como remarcou o conselleiro de Cultura, José López, durante a inauguración deste proxecto que quere achegar aínda máis á sociedade «unha personaxe fundamental na Galicia que hoxe somos».
O relato expositivo comeza recompilando algúns obxectos que identifican a figura de Castelao, como as súas lentes e a pluma estilográfica orixinais, así como exemplares do Albúm Nós e de Sempre en Galiza. Despois, o visitante mergúllase nun túnel a modo de camiñar pola mente e as lembranzas do rianxeiro. Un pasadizo no que se abren pequenas fiestras de luz das que agroman momentos claves na súa traxectoria. O percorrido comeza coa primeira imaxe que se conserva do autor de Sempre en Galiza, que lle foi tomada sendo só un neno para enviarlle ao seu pai a Arxentina. Despois está a súa estancia na Pampa, cando sendo un rapaz o reclama seu pais; e a súa voda na Estrada con Virxinia Pereira. Un retrato daquelas datas dos dous protagonistas toma movemento grazas ás novas tecnoloxías. «Todo o traballo con IA está feito con responsabilidade e rigor. Todo o que di, son palabras reais del», incidiu Carlos Seijo, encargado da dirección artística do proxecto e cofundador de Maxina. Este percorrido non se esquece tampouco dos momentos vitais máis tráxicos, como a súa cegueira ou a morte do seu fillo. Para vivir este momento hai que achegarse a unhas lentes que reproducen ás do propio Castelao.
Unha proxección holográfica na co rianxeiro debuxando lembra a súa época de mestre en Pontevedra. Neste percorrido non podía faltar a súa implicación para a aprobación do Estatuto de Autonomía. O visitante síntese un máis nese mitin en xuño de 1936 na Estrada cando mentres falaba Castelao unha avioneta sobrevoou o lugar coa pancarta «Autonomía, si». Esta foi, segundo asegurou Carlos Seijo, unha das escenas máis difíciles de recrear, xa que non só se move o intelectual galeguista, senón todos aos asistentes. Xa na recta final deste percorrido, chegará a Guerra Civil, chegando a sufrir os bombardeos en Barcelona. Un dos momentos referidos é cando Castelao quedou atrapado no oco dun ascensor ao tentar escapar das bombas. A partir de aí chegará o seu exilio. «Estamos diante de todos os momentos importantes da súa vida», remarca Miguel Anxo Seixas, presidente da Fundación Castelao e que suma máis de 25 anos estudando a vida e obra do rianxeiro.
O peche da proposta é unha experiencia inmersiva no interior dun gran cubo de papel, onde con tecnoloxía do videomapping e cun relato en primeira persoa do propio Castelao grazas á recreación da súa voz, se repasa toda esa traxectoria. «Debuxei sempre en galego, escribín sempre en galego, e se sacades o que hai de galego e de humano na miña obra non queda nada dela», escóitase a través desa voz reconstruída. Aí está resumido todo «mirar por Galicia» porque, tal e como lembrou Seixas, pese a que «non estivo tanto tempo en Galicia, sempre traballou por ela». Agora, engadiu, grazas a este homenaxe cando se cumpren 75 anos da súa morte, Castelao «ten presenza entre nós».