O festival Atlántica espallará os seus contos a través de preto de cen funcións por 27 sedes galegas

CULTURA

A cita incluirá unha homenaxe a Castelao con lectura pública dos seus textos en Bonaval
17 jun 2025 . Actualizado a las 21:27 h.Do 28 de xuño ao 6 de xullo o festival Atlántica reunirá a máis de medio cento de contadores que ofrecerán preto de cen funcións por 27 sedes galegas. Santiago é epicentro desta cita coa narración oral, pero tamén chegará a outras cidades e vilas como Ferrol, Ourense, Cedeira, Dodro, Ribeira, A Pobra do Caramiñal, Riobó, Outes, A Estrada, Vimianzo, Teo... Ás 27 sedes galegas haberá que engadirlle cinco en Portugal.
De espallar os contos encargaranse tanto narradores sobranceiros como novas voces procedentes de Galicia, Arxentina, Escocia, Portugal, Italia, Zamora, Valencia, Aragón e Canarias. Con esta proposta de contadores experimentados e novos valores pretenden que as novas xeracións se unan a arte de contar historias. Así, haberá sesións nas que narradores de longa traxectoria apadriñen aos novos talentos. Protagonizarán estas sesión combinadas Dani Lago e a escocesa Inés Álvarez; Aída Cobas estará con Miguel Gouveia de Portugal, e Carmen Conde e Nuria Vázquez actuarán xunto á valenciana Paula Carbonell.
Nesta 13.ª edición do festival hai unha aposta pola innovación e a investigación, ademais de mesturar o patrimonio material e o inmaterial. «Este ano teremos algo único: estaremos en directo nunha campaña arqueolóxica en Vimianzo», resaltou Soledad Felloza, directora do festival Atlántica. Non será a única proposta singular xa que tamén haberá navegación pola ría de Ferrol e a visita aos petróglifos de Dodro, entre outros roteiros.
Homenaxe a Castelao
O festival sumarase, ademais, ao 75 aniversario do pasamento de Castelao cunha homenaxe. Para iso programou o 1 de xullo a partir das 11.30 horas unha lectura pública da súa obra aberta á cidadanía no Panteón de Galegos Ilustres. Están programados 75 textos que lerán outras tantas persoas. O peche será cun concerto das Bouba no CSC Maruxa e Coralia. Tamén organizarán un roteiro narrado polas rúas de Santiago da man de Quico Cadaval e Carme Varela.
Por outra banda, o festival acollerá a estrea de varios espectáculos, como é o caso de Fare le corna, do italiano Simone Negrin. Tamén ofrecerán novas propostas Celso Fernández Sanmartín, o zamorano Don Guti, e a propia directora da cita, Soledad Felloza. O festival xa iniciou a súa programación dirixida á cativada.
A concelleira da área de cultura de Santiago, Míriam Louzao; o director xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; e o deputado de Patrimonio da Deputación da Coruña, Xosé Penas, animaron ao público a sumarse ao festival.